celanova

A escola de teatro de Celanova pechou o curso cunha de historia

escola teatro celanova
photo_camera Os actores co profesor, Jouse García, momentos antes da actuación no auditorio Ilduara.

Os pequenos actores representaron na escea a obra "O florido pensil"

Co obxectivo de que os máis pequenos percibisen as diferencias entre a educación que reciben hoxe en día nos colexios e a que recibiron os seus pais e avós, o profesor da escola municipal de teatro, Jouse García, elixiu a obra "O florido pensil" para protagonizar a función de clausura do programa formativo deste ano. "Teño visto a varias compañías representar esta peza, pero nunca con nenos", explica o docente. Por iso lle pareceu un "reto" levar a cabo este título, que na publicación orixinal de Andrés Sopeña leva por subtítulo "Memoria de la escuela nacionalcatólica" e que, dende a súa publicación en 1994 se convertiu "nunha das obras máis representadas en España", explica o mestre actoral.

Deste xeito, os pequenos actores recibiron o texto co escepticismo propio de pensar que os relatos do seu profesor de teatro sobre o que pasaba na escola cando el era pequeno "non podía ser certo", confesaban os cativos. "Agora se non fas os deberes un día, póñenche un negativo e xa está, pero antes...". Todos coincidiron en asegurar que prefiren a escola de agora fronte ó que acontece en "O florido pensil". 

A obra constitúe unha crítica á educación que se impartía nos centros educativos durante a época franquista, así como a tódalas "barbaridades que lle facían e dicían ós nenos". 

Os actores foron turnando os seus roles para representar a profesores e alumnos impartindo clases de mátemáticas, xeografía, historia... "Eu son o inspector", dice Aitor, "e o que fago é berrar con todo o mundo".


Gran asistencia


Son nove os alumnos de entre 9 e 12 anos que durante todo o curso acudiron ás aulas de teatro no auditorio Ilduara de Celanova. Durante o primeiro trimestre dedicáronse á parte máis teórica da actuación, recibindo clases de técnica e improvisación. "Durante o Nadal xa empezo a traerlle textos para que vaian escollendo o que lles gustaría representar". Xa en febreiro, co texto final elixido, empezaron os ensaios. Do grupo de Celanova, Jouse García salienta a gran asistencia. "Son profesor de teatro noutros sitios e sorpréndeme moito o compromiso" dos nenos de Celanova, porque "o que máis fallou, faltou só dous días". Mentres o profesor pronuncia estas palabras os nenos, emocionados, levantan a man: "Eu non faltei ningún día". 

Ante a pregunta de se estaban nerviosos pola actuación deste martes responderon case ó unísono: "Non!". A escola municipal de teatro de Celanova iniciou a súa actividade hai agora seis anos e algúns deles levan nela dende o principio. Outros, pola súa banda, participaron este ano por primeira vez. É o caso de Adriana e Sara, pero a experiencia resultou tan satisfactoria que "volveremos o próximo ano". A ilusión é un grado e, por iso, volveron demostrar o seu talento cunha obra que lle trouxo lembranzas un tanto traumáticas ó público presente na sala pero que, tanto o paso do tempo como o "desparpajo" dos pequenos actores, lles fixo pasar grandes momentos de risa.

Te puede interesar