Colexios celanoveses e da Baixa Limia asistiron a un encontro comarcal

Os escolares apúntanse ó uso lúdico do galego

Un momento da función teatral no colexio banduense. (Foto: Marcos Atrio)
Con normalidade e disfrutando dun día de festa cos seus compañeiros e cativos achegados doutros concellos, orredor de 270 alumnos dos colexios de educación Primaria, Secundaria e Bachellerato de Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Lobios ou Ramirás participaron onte no 'I Encontro escolar pola normalización da lingua galega en Terra de Celanova–Baixa Limia'.
O Colexio de Infantil e Primaria Xaquín Lourenzo de Bande acolleu a xuntanza organizada pola coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de ambas comarcas.

As actuacións teatrais, de música e baile no salón de actos intercaláronse cos xogos populares tradicionais no patio do colexio e ca presentación da exposición didáctica sobre a verea vella (Allariz-Celanova) feita polo alumnado do colexio Sagrado Corazón ou a mostra 'O galego encaixa', conformada por mensaxes elaboradas polo alumnado das duas comarcas en defensa e promoción da cultura e do idioma galegos.

'Para ser o primeiro ano, a experiencia foi moi ben e altamente satisfactoria para tódalas partes', subliñaba o profesor do CEIP Xaquín Lourenzo e coordinador do equipo de normalización lingüística, Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Experiencia positiva

Cativos de nove dos 13 centros escolares ubicados na bisbarra de Celanova e Baixa Limia asistiron a primeira actividade organizada polo colectivo que acaba de cumprir os seus primeiros seis meses de vida. 'Foi unha experiencia moi positiva para os cativos, porque para eles foi unha xornada festiva con actividades lúdicas feitas por eles', apuntaban dende a coordinadora comarcal, ao tempo que subliñaban que 'cumplíronse os obxectivos con creces, o que nos da forzas para seguir traballando cara o vindeiro curso escolar'.

A iniciativa perseguía a reivindicación do uso normalizado do galego entre os cativos, a visibilización da labor feita polos equipos de normalización nestes seis meses ao tempo que se proxectan actuacións conxuntas de cara ao futuro e a interrelación entre os distintos equipos de alumnos como xa fixeron os profesores. Asemade, Domínguez Alberte subliñaba a importancia da posta en valor, entre os máis cativos, 'do noso patrimonio natural e cultural como algo vivo'.

Tralo encontro de onte, os equipos reuniránse o vindeiro 14 de xuño co obxectivo de analizar o traballo feito ata agora e marcar as liñas de traballo de cara o próximo curso escolar.

Te puede interesar