ENTREVISTA - LITERATURA

“Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega"

JorgeEmilioBovedaporDistritoXermar_result
photo_camera Jorge Emilio Bóveda.

Os veciños de Celanova asistían esta semana, na Casa dos Poetas da localidade, á presentación do libro "As sete mortes de Leopoldo Pardo" do escritor ourensán e mestre de inglés no colexio Curros Enríquez, Jorge Emilio Bóveda

Os veciños de Celanova asistían esta semana, na Casa dos Poetas da localidade, á presentación do libro "As sete mortes de Leopoldo Pardo" do escritor ourensán e mestre de inglés no colexio Curros Enríquez, Jorge Emilio Bóveda. Acompañando ao autor estiveron o poeta Eladio Medel e Manuel Bragado, de Edicións Xerais, ademáis do secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro.

Cal é a temática da novela?

"As sete mortes de Leopoldo Pardo" responde a un proxecto que xa vén de atrás, de combinar a cultura e os xéneros populares coa literatura máis profunda. É o terceiro volume da saga que comezou con "Asasinato no centro comercial" vencellado ao libro de bolsillo; e seguíu con "A morte vén en chancletas", baseado na novela policial do século XIX, basicamente nas de Agatha Christie. Nesta ocasión, o texto ten moito da novela negra americana de finais do século XX, en combinación con elementos da cultura galega.

Cales?

Sieiro, o antagonista de Leopoldo Pardo, é unha persoa obsesionada coa cultura galega, polo que saen referencias a Curros Enríquez, Vicente Risco ou Blanco Amor. Nalgún momento, Manolo Bragado chegou a comentar que era unha edición moderna do "Divino Sainete" de Curros Enríquez.

Despois de dous libros, é máis doado agora escribir sobre Leopoldo?

Penso que estou máis preto, porque habita na miña cabeza. A cuestión é facelo andar. O máis complicado é dotalo dun contido orixinal, e penso que o conseguín bastante ben.

Cal é a súa vinculación con Celanova?

Son o xefe de estudos do colexio Curros Enríquez da localidade e, por amor á cultura, coñezo a existencia deses marabillosos poetas que son Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín, aínda que este último presume de ser de Vilanova dos Infantes.

Cantos libros leva publicados?

De xeito profesional e dende o ano 2010, nove. Con anterioridade autoeditei varios libros, é algo do que non me arrepinto. De todos os xéneros polos que pasei, incluído o ensaio, quédome co de agora, mesturar cuestións populares co ideal literario.

En que está traballando agora?

O ano que vén está previsto que saia publicada unha novela cómica, que mestura a sociedade pre-castrexa, a política galega e a mitoloxía local, que penso que é moi didáctico porque non se sabe moito dela.

Como está o sector da literatura en galego?

En Galicia para nada é rendible a literatura. Hai dous ou tres "bestseller" e nada máis. Eu escribo por puro amor á arte e por tratar de preservar a lingua galega. A xente escasamente le en castelán, moito menos en galego.

Te puede interesar