Entrevista

Fernando Mouriño: “A xente pregúntame na rúa cando traballo e xa levo tres anos xubilado"

Fernando Mouriño.
photo_camera Fernando Mouriño.
Fernando Mouriño, ex jefe da Policía Local do Concello de Celanova, obtivo un recoñecemento

O celanovés Fernando Mouriño, que durante 40 anos exerceu de Policía Local no Concello de Celanova, os últimos 25 anos como xefe, foi homenaxeado recentemente no IV Encontro das Policías Locais de Galicia organizado pola Asociación de Xefes e Mandos da Policía Local para aqueles profesionais xubilados na pandemia.

Como é iso de que lle preguntan pola rúa si esta de vacacións?

(Risas). Si, aínda hai xente que non sabe que me xubilei. O meu último día de servizo foi o 28 de decembro do 2019… pero despois veu a pandemia… É un orgullo pasar pola rúa e que che fale todo o mundo como si estivera de servizo. Levaba 40 anos… Fun o funcionario con máis anos de servizo no Concello de Celanova.

Cambiou moito Celanova?

Moito, cando entrei eran catro funcionarios (Indalecio Miranda, Gumersindo Fernández, Luis Pérez e Julio Corbillón), no primeiro ano traballabas oito horas, meses completos e sen descanso. Logo no segundo xa tiñas un día libre á semana… Lembro que levábamos tamén os bombeiros e algúns días, conduciamos o camión da recollida de lixo. 

E a veciñanza?

Tranquila, pero había moita marcha de noite. Houbo unha época con moita droga (1982 e 1983) onde andabas fastidiado, tiñas que andar detrás deles toda a noite de paseo, senón facíanche algunha avaría… Ao final Celanova é un pobo pequeno, coñecidos todos, e un día  tiñas o coche rallado ou as rodas. Medo non pasei, pero tensión… Sempre hai épocas, pero Celanova segue sendo unha vila tranquila, aínda que pediría que traten de cubrir as prazas sen cubrir, porque fan falta.

O seu foi vocacional?

A min gustábame, polo soldo non entrei. Estaba nun negocio e metinme na Policía ganando e descansando menos, porque me convenceron os amigos. Antes xa había estado como voluntario na Cruz Vermella, onde fixen despois  servizo militar. Traballamos xuntos moitos anos e máis ca compañeiros, eramos amigos, como tamén existe unha moi boa relación cos policías actuais e cos de arriba (funcionarios). Neste tempo coñecín a seis alcaldes e mudei de oficinas varias veces ata o actual emprazamento da Praza Maior. Levo toda a vida co uniforme e algo terá no ADN, o meu fillo leva 17 anos de bombeiro. 

Que recordos se leva? 

Moitos e bos, o cariño e a satisfacción de tratar coa xente. Tratei de colaborar e axudar a todo o mundo. Daquelas farteime de compulsar papeis e puñamos 5.000 avisos ao ano para non ter que denunciar. Aínda que as veces a confianza rompía o saco e acababamos escribindo… Pero os de fóra, ao ver o aviso, viñan a felicitarte.

Terá moitas anécdotas? 

Despois de 40 anos, unhas cantas, aínda que non todas valen para contar (risas). Estando de servizo veu a raíña Sofía, os presidentes Aznar e Rajoy… Houbo unha época que os sábados non quedaba unha árbore na Celso Emilio e tamén  de moitos roubos, antes do Nadal e do verán. Os de aquí querían alternar cos de fóra e necesitaban efectivo.

E os momentos malos?

Por sorte no casco urbán non tivemos grandes accidentes, pero si tivemos cambios de circulación, de mercado… loitar cos feirantes que querían todos nos mellores sitios. A nivel persoal, pasamos anos moi duros, pero diso mellor non falar. O que non quero para min, non o quero para o outro. Quédome co trato coa xente e  miña intención de axudar aos veciños e negocios no que se podía.

Agora a que se dedica?

Agora dedícolle máis tempo á familia, ir coas netas a Vigo, antes non tiña tempo. Ademáis, a xefa xubilouse canda min da peluquería.

Te puede interesar