celanova

Alejandro Vázquez: "O festival fíxose un nome en Europa, somos punteiros"

Alejandro Vázquez, trompetista e organizador do Hércules Brass.
photo_camera Alejandro Vázquez, trompetista e organizador do Hércules Brass.
Vázquez é o organizador do Hércules Brass de Celanova, festival que chega á vila esta semana

Alejandro Vázquez é trompetista e organizador do Hércules Brass de Celanova, un festival que acada a súa sexta edición convertido nun referente da música de vento metal en toda Europa. Durante toda a vindeira semana, destacados nomes deste xénero visitarán a vila con concertos abertos para o público en xeral, mentres os nenos participantes reciben clases maxistrais.

Cales son as principais novidades que presenta este ano o festival Hércules Brass?

O noso festival é moi específico, iso é algo que recalcamos sempre, é específico do brass, dos instrumentos de vento metal. Este ano contamos xa no primeiro concerto con órgano cos predecesores que son o corneto e a trompeta natural. Ese vai ser o concerto de Sar Ensemble. Vai ser un concerto moi diferente e novidoso ó mesturar instrumentos antigos con voz. Ese mesmo día, o luns (por mañá, 29 de xullo), a banda de música tocará con Fabio Brum, un trompetista brasileiro. Está facendo unha carreira trompetista solista e vai tocar un par de pezas coa banda de música de Celanova. O resto do festival segue na mesma liña. Haberá un bono de concertos e queremos animar á xente a que participe, porque veñen músicos moi destacados. Salientamos o concerto de cámara galega acompañando ó solista de trompeta Esteban Batallán e o cuarteto Ensemble Epsilon. Tamén tocamos Hércules Brass, aínda que cambiemos o repertorio xa somos coñecidos en Celanova, e remataremos o curso baixo a batuta de Luis Miguel Chaves seguido do concerto do alumnado do curso.

Como xurdiu a iniciativa de facer este festival e como ten ido evolucionando nestes anos?

Nós, como quinteto, tiñamos participado noutros países en festivais máis ou menos parecidos. Realmente, en España hai sete anos só había un par deles que tiñan unha sonada referencia, en Valencia sobre todo, e nós quixemos facelo en Galicia. Non había por aquí ningún festival que acollera, e isto é moi importante, as dúas facetas, a pedagóxica e a artística. Si que se organizaban cursos pero non específicos, refírome á nosa especialidade de vento metal. Facíanse de percusión ou de vento madeira pero non de metal. E ó mesmo tempo o aspecto artístico dos concertos tamén vai dirixido a este tipo de instrumentos. Todo vai enfocado a eles. Queríamos facer un festival que se diferenciara de todo o que había. En canto á evolución, o festival foi collendo moita repercusión tamén fóra de España e temos a sorte de que agora a xente xa quere vir. É moi diferente. Ó principio, cando nós chamábamos para que participaran preguntábannos como sería a organización e todo iso. Agora gracias ás gravacións que hai por internet e o boca a boca dos alumnos doutras edicións isto xa corre como a pólvora. Agora preguntámoslles ós artistas se estarían interesados e din que si sen dubidalo, que estaban esperando a nosa chamada e que lles encantaría participar. Para nós isto é moito máis sinxelo agora.

O festival faise un nome.

Si, o festival dentro do noso gremio de vento metal fíxose un nome a nivel europeo bastante importante e en España tamén. Creo que somos un festival punteiro neste sentido. 

Unha das partes importantes é a formativa. Como responden os nenos ás actividades?

Nestas semanas previas ó festival, a diferencia doutros cursos, enviámoslles as partituras para que vaian practicando, aínda que despois teñen clases individuais e clases colectivas onde repasan o repertorio. Todo o mundo sabe da esixencia do festival e os rapaces veñen super enchufados. Saben que van pasar unha semana a disfrutar da música pero veñen súper profesionais coas partes moi estudiadas. Iso tamén cambiou. A diferencia con outros sitios, que teñen unha master class dun fin de semana con media hora cun titor particular, aquí convivimos durante unha semana de luns a venres profesores con alumnos mañá e tarde, xantares, ceas, concertos... Estamos todo o día mesturados. Entón eles ven moito máis accesibles ós profesores, non temos esa frialdade que moitas veces hai nas aulas. Iso crea outra atmosfera e outro clima de cercanía.

Para Hércules Brass como grup, que supón a organización deste festival?

Pois supón o traballo máis grande que ten o grupo na actualidade. É un traballo que nos leva os 365 días do ano. Clausuramos o festival e xa estamos organizando o seguinte. Neses cinco días, nesa semana, disfrutamos como os que máis, é tamén moita satisfacción. A organización dende a humildade coa que o facemos é moito traballo.

Pero supoño que vós despois na convivencia tamén aprendedes dos rapaces non?

Si, iso é. É recíproco. A enerxía deles tamén te contaxia, a ilusión. Este é o festival que a min me gustaría que me ofertaran cando tiña 12 anos e que por desgracia non había. Cando ves que alguén o está disfrutando e que en tan pouquiño tempo cambian tanto e melloran tanto, iso é unha satisfacción moi grande. Eses días de festival pasámolo coma ananos, encántanos.

Te puede interesar