Unha foliada lembra a Rosalía nas lareiras do Rexurdimento en Celanova

Participantes na degustación do caldo de gloria no 2022.
photo_camera Participantes na degustación do caldo de gloria no 2022.
As compoñentes da Asociación de Amas de Casa Ilduara serán as encargadas de elaborar o caldo de gloria que este ano se repartirá, por primeira vez, na lareira da Casa dos Poetas de Celanova

A hostalería de Celanova e a Casa dos Poetas festexarán o Día de Rosalía coa degustación do caldo de gloria. A Fundación Curros Enríquez volve a capitanear na vila de San Rosendo esta homenaxe cultural e gastronómica con motivo do 186 aniversario da autora na xornada do xoves 23 de febreiro.

As compoñentes da Asociación de Amas de Casa Ilduara serán as encargadas de elaborar o caldo de gloria que  este ano se repartirá, por primeira vez, na lareira da Casa dos Poetas no marco dunha foliada cultural que, a partir das 19,00 horas, desenvolverase simultaneamente nas lareiras da Casa da Matanza, sede da Fundación Rosalía en Padrón, e na Casa do Couto da Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.  Os tres fogares do Rexurdimento.

O acto, que será retransmitido en streaming dende a Horta da Palabra, incluirá tamén unha lectura colectiva do poema no que Rosalía de Castro describe a receita do caldo. Amenizarán o acto na casa familiar de Manuel Curros Enríquez a Banda de Gaitas de Celanova e o grupo Lembranza Solpor.

Durante toda a xornada, que coincidirá ademáis coa feira semanal, as persoas que dexesen celebrar o Día de Rosalía degustando o tradicional caldo de gloria poderán facelo nos 26 bares, tabernas e restaurantes da vila que, “un ano máis, se uniron de forma entusiasta a esta actividade, compartindo coa súa clientela o caldo como plato do día”, subliñaban dende a Casa dos Poetas.

Te puede interesar