lingua

A Fundación Curros Enríquez consegue un Día das Linguas Ibéricas

20170601194548704_result
photo_camera Membros da comisión de Cultura do Congreso dos Deputados, con compoñentes da Fundación Curros.

A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados deu o seu visto bo

 A Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade a proposta para a creación do Día das Linguas Ibéricas. Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Curros Enríquez, con sede en Celanova, e pola Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores. Estas entidades estiveron representadas por Antonio Piñeiro, secretario da fundación celanovesa, e por Ibon Arbaiza, presidente da asociación española. 

O obxectivo principal que se extrae do documento que foi tramitado xa formalmente é "tratar de poñer en valor a riqueza cultural que supón para o conxunto de España e Portugal a súa diversidade idiomática" e, por outra banda, "a exaltación das diferenzas ". 

Tal e como manifestou Antonio Piñeiro, a aprobación do documento por unanimidade supón "un feito insólito" debido "ao momento político no que nos atopamos". "Acadar esta conformidade no marco do debate sobre a plurinacionalidade e cando existen diferencias sustanciales entre as formacións políticas non é doado", engadiu Piñeiro. 

Deste xeito instarase ao Goberno a que aprobe a declaración do Día das Linguas Ibéricas. "Queremos xestionar unha reunión co secretario de Estado de Cultura co obxectivo de propoñerlle unha serie de iniciativas", explicou o secretario da Fundación Curros Enríquez. 

Queda por determinar qué data será a escollida para ensalzar as linguas da península e qué actividades se farán para dita conmemoración. As ideas que se manexan incúen actividades culturais nas Casas Museo do país, eventos nos centros escolares e tamén de carácter turístico, como a realización de itinerarios pola Península Ibérica. Tamén está prevista a comunicación da proposta ao país veciño. Neste sentido e tal e como adiantou Antonio Piñeiro, a idea é "que o Goberno translade a proposta mediante un cumio hispano luso " para que a Asemblea da República Portuguesa tamén aprobe a proposta. A idea é incluír o portugués e outros do país veciño como o mirandés". 

Antonio Piñeiro engadiu que o que se propón é dar unha visión "de espello". Nesta liña Piñeiro subliñou que as linguas "non retratan as nosas diferenzas se non a nosa diversidade". Trátase dunha iniciativa "positivista" que procura que as persoas "sexan conscientes de que na diversidade está a riqueza e que todos formamos parte da mesma".  Por outra parte, no documento tamén se propón a posibilidade de achegar as linguas oficiais do estado aos cativos dos centros escolares. 

Eloxio dos nacionalistas vascos

A proposición non de lei foi defendida na Comisión de Cultura pola deputada da provincia de Ourense, Ana Belén Vázquez. Durante a sesión, e segundo fontes "populares", o documento contou co "eloxio" dos nacionalistas vascos polo recoñecemento que se fai ás linguas propias . O documento aprobado toma como punto de partida a Constitución Española que establece, no seu artigo 3.3 , que a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que deberá ser obxecto de especial respecto e protección. Outro dos aspectos importantes que se salientan no escrito é o recoñecemento aos escritores de finais do século XIX e principios do XX pola súa contribución á protección e conservación do patrimonio. 

Te puede interesar