CULTURA

Un historiador voluntario ordena patrimonio de Celanova

20170512204350497_result
photo_camera Javier Gándara

Javier Gándara está a traballar no Concello e na Fundación Curros

Un mozo colabora como voluntario na catalogación de parte do patrimonio celanovense. Javier Gándara, recén titulado en Historia da Arte, colabora dende hai uns meses coa Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova na datación e estudo dalgunhas obras de arte que forman parte dos fondos patrimoniais das dúas entidades. 

O traballo do veciño de Celanova non forma parte de ningún programa académico, senón que "foi iniciativa miña porque me interesaba aprender". Así llo propuxo ós responsables da Casa dos Poetas coa mirada posta na experiencia que outorga o traballo de campo. 

Nun primeiro momento, Javier seleccionou un total de 40 obras da fundación relativas ás diferentes disciplinas artísticas pero "todas cun importante valor documental". De entre as que máis chamaron a súa atención están unha fotografía de Curros Enríquez, que está adicada a un amigo en 1900 ou unha orla da Facultade de Medicina doada por un veciño de Celanova que coincidiu na carreira con Castelao. 

Rematada esa primeira fase do seu voluntariado, Javier Gándara atópase agora inmerso no estudo do patrimonio legado por Ángel Martínez, coñecido como "Anxo", á vila. As obras de arte e bibliografía doadas polo gran devoto de San Rosendo e fillo adoptivo de Celanova estaban pendentes de completar a súa catalogación, de xeito que a colaboración prestada por Javier Gándara está axudando a finalizar este proxecto. Coincidindo co final de curso, o xove historiador porá fin a esta labor pero o traballo realizado servirá para ter unha maior información sobre os fondos do Concello de Celanova. Mentres que os volumes adicados por personaxes como Otero Pedrayo a Anxo estarán a partir de entón na Fundación Curros Enríquez, o resto do seu legado literario constituirá unha sección propia na Biblioteca Municipal.

A propia administración local, en base a ter detectado certa demanda entre a xuventude da vila, está formalizando as xestións para darse de alta na Xunta de Galicia como entidade de acción voluntaria.

Te puede interesar