Homenaxe en Celanova ás vítimas de covid-19 das residencias

Un ano despois de declararse o brote, dende adur informan que "as familiares dan por rematado este ciclo de accións"

Familiares de residentes agrupados en ADUR e na Federación Vellez e Dignidade organizaron o sábado unha conferencia en Celanova e onte rendéronlle homenaxe ás vítimas do coronavirus na Residencia San Carlos de Celanova, depositando un ramo de flores xunto á fonte da Praza Maior -nas que se realizaron as anteriores convocatorias dende o pasado agosto-.

Na conferencia organizada por Adur, participou Sonia Jalda, da asociación de traballadoras de residencias Trega; Francisco Vizoso, de Modepen (Movemento Galego pola Defensa das Pensións), e María Rodríguez, a propia representante de Adur.

Na charla, realizada no Auditorio celanovés, "quedou en evidencia que un ano despois, os centros de maiores galegos seguen presentando numerosas deficiencias na atención e nos recursos", remarcan dende Adur. Ademais, familiares e traballadores reclamaron unha lexislación renovada e clara sobre a xestión dos centros, pedindo as familias participar nesa xestión.

No transcurso da cita, os tres conferenciantes coincidiron na necesidade de "camiñar cara un sistema público de benestar galego, que mellore as condicións laborais das traballadoras e as prestacións de coidados aos maiores, no que é imprescindible a implicación de familia, traballadoras e a veciñanza na xestión pública de cada centro ".

Así, con estes dous acontecementos durante a fin de semana, un ano despois de declararse o brote, dende Adur informan que "as familiares dan por rematado este ciclo de accións". 

Te puede interesar