ENTREVISTA

Isabel Blanco: “O pobo galego arrastra unha historia que se portou moi mal con nós, eu son producto diso"

Isabel Blanco (MARTIÑO PINAL).
photo_camera Isabel Blanco (MARTIÑO PINAL).

A actriz e productora Isabel Blanco recolleu o premio "Celanova, Casa dos Poetas" facendo repaso da súa traxectoria e de como o feito de ser filla da emigración marcou a súa carreira e lle creou un vínculo de por vida con Galicia.

Como recibe este premio?

Con moitísima alegría e sorpresa, pero tamén mornura por recibilo en Galicia, na terra onde meus pais non pudieron vivir pero na que eu estou por elección. Tal e como somos hoxe en día, poderiamos vivir en calquera lugar do planeta, pero para min o vínculo é a opción única. Onde eu quero vivir é en Galicia, aquí é onde me quero desenvolver. Se un premio me vén de aquí, xustamente, sabe a algo moi rico.

Que significa para a súa carreira un premio a ese vínculo coa terra?

Os recoñecementos non modifican a túa vida, pero é como se lle deran unha lóxica que "per se" non ten. Non me quero poñer dramática, pero francamente creo que é un pouco naif pensar que a vida é lóxica. Os humanos precisamos que o sexa para darlle sentido e poder funcionar ordenadamente. Este premio sábeme a moita recompensa, satisfacción e ilusióname enomemente porque teño detrás unha carreira na que nunca me veu nada regalado. Cada logro tiven que pelexalo, o que pasa é que como sempre estou rindo, parece que todo é máis fácil. Tiven que interceder activamente en todo o que fixen, por máis que despois, véndoo en perspectiva, parecía coma se houbera un guión invisible. Eu son fantasía e ilusión pura por código xenético e voume apañando, pero agradécese moitísimo cando se che recoñece algo despois de pasar moitas horas en silencio e tratando de sacar o traballo adiante ti soa. 

O seu discurso estivo moi meditado?

Si, tiven máis ou menos clara a mensaxe que quería transmitir. É unha oportunidade para trasladar percepcións e ideas propias. Tampouco son de longos discursos pero cando é a túa quenda, has de ter cousas que dicir. Con respecto a Galicia e ó meu sentimento de pertenza, con respecto á miña condición de muller, teño algunhas cousiñas que dicir. Este premio chega nun momento no que teño a necesidade de expresarme moito, de aí que faga un programa propio como "Pasaporte galego". Cada momento profesional deume a oportunidade de expresar ideas, pero non as propias. Por iso comecei o meu propio proxecto. 

Na acta de concesión do premio, a fundación Curros Enríquez salientou a súa capacidade para representar os valores da sociedade galega. Cal é a filosofía que mantivo na súa carreira?

Véndoo en perspectiva, podería pensar que os proxectos me foron elixindo a min. Pero a filosofía que un teña moitas veces vai moi da man, e subliño isto, da economía. Nun plano fantasioso, diría que a miña filosofía é poder facer todo aquel proxecto que transmita os valores cos que eu me identifico, pero non sempre os proxectos que te engloban teñen as posibilidades económicas que ti soñas. Con "Pasaporte galego" tiña moi claro que quería trasladar a idea dos galegos que somos hoxe gracias ós arquitectos das nosas vidas, que pasaron moitos anos e séculos moi complicados e hoxe podemos ter fachenda con iso, Galicia está cada vez máis no lugar no que merece estar. A emoción do pobo galego é persoal e intransferible. Arrastramos unha historia que se portou bastante mal con nós, eu son producto diso e todo o meu ser xira en torno a iso. Ese percorrido fai que cando eu teño oportunidade de facer un programa na televisión quero trasladar a evolución de determinados galegos dos que eu me sinto orgullosa porque formo parte desa irmandade de xente que ama Galicia, que se fixo a si mesma gracias ó esforzo dos seus pais e ó seu propio espírito de superación e hoxe son grandes nas súas cousas.

Te puede interesar