Un libro inmortaliza a aldea abandonada de Morgade, na Bola

A filóloga e escritora viguesa, afincada en Allariz, María Besteiros presentará mañá mércores, ás 17,00 horas, na biblioteca de A Bola, o seu libro “A lista da compra”. Un libro adicado aos “habitantes, animais e humanos, da aldea abandonada de Morgade”, un núcleo da parroquia de Berredo no cal María residiu durante uns anos e no cal naceron os seus fillos. “A miña chegada alí foi azarosa”,  lembra a autora. 

No libro “falo do postparto, da experiencia da maternidade, é nunha aldea onde non hai ninguén e esa sensación de ter que reconstruír a túa identidade e nesa paisaxe que vía”, resume a autora, quen recoñecía que o libro ten ese obxectivo de inmortalizar a vida da aldea. “As veciñas dicían que, ao morrer elas, o pobo desaparecía. Esta é a miña forma de salvar ese mundo e de plasmalo nun libro. Agora está aquí, pase o que pase, polo menos quedará escrito e tamén para que non se esquecesen os nenos”.

Dende que publicou o libro tiña claro que o libro tiña que ser presentado no lugar onde se creou, pero tamén polo seu compromiso de dar a coñecer a cultura, a poesía, en calquera lugar. “Non deixar só as actividades culturais para as cidades, senón facelas accesibles e levar os libros a xente”, dixo, encantada e ilusionada de que chegue a presentación e poder compartir experiencias e vivencias cos seus antigos veciños. 

María Besteiros estudou Filoloxía Galega e doutorouse en Literatura, centrándose na escrita de mulleres analizada desde a perspectiva feminista. Recibiu o premio Eusebio Lorenzo Baleirón polo poemario “Zoonose” e o Toro de Hierro polo poema “Para cuándo la vida”.

Te puede interesar