Un libro resalta o privilexiado espazo cultural que é Celanova

A Casa dos Poetas de Celanova acollerá no mes de decembro a presentación do libro “Facermos poesía en Celanova”. Unha publicación que recolle a experiencia do obradoiro de creación literario do seu mesmo nome, realizado durante os meses de outubro e novembro na vila de San Rosendo.

O resultado “é o conxunto de creacións plásticas e literarias orixinais que poñen o foco no privilexiado espazo cultural que é a área de Celanova. Fonte de inspiración, berce do me cuanto, no dicir luminoso de poeta”, recolle a publicación que contará cunha edición limitada de 100 exemplares.

Xoán Carlos Domínguez Alberte, escritor natural de Escudeiros (Ramirás) foi o responsábel da iniciativa organizada dende a Escola de escritoras e escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)  e que contou con varios fitos. O primeiro deles foi contar coa participación do artista celanovés Baldo Ramos que liderou a quinta sesión sobre a “Caligrafía do íntimo”. E, a segunda, lembraba recentemente Xoán Carlos Domíguez Alberte, a inesquecible xornada de “Solidariedade humana” centrada na figura de Celso Emilio Ferreiro e que se desenvolveu na celda do mosteiro que inspirou ao autor celanovés a escribir “Longa noite de pedra”.

A presentación está fixada para o sábado  día 10 de decembro, ás 12,00 horas, na sala da lareira da casa-museo de Curros Enríquez.

Te puede interesar