entrevista

Luis Zahera: "Xa bastante triste é o mundo, nos monólogos nótase que hai ganas de rir"

Luís Zahera
photo_camera Luís Zahera, na gala dos Goya.

O actor visita este domingo Celanova para presentar o seu monólogo

"Igual que Chanquete morreu sendo Chanquete, eu serei toda a vida Petróleo e estou moi orgulloso", explica Luís Zahera, un dos actores galegos máis recoñecidos do panorama actual, que este domingo chega a Celanova para contar a súa particular travesía ata descubrir "que teño cara de chungo", a pesar de que a súa carreira cinematográfica "ía para galán". Será a partir das 22.30 horas no Claustro Barroco. As entradas están á venda anticipada na web "woutick" e no café Espolón.

Que escoitaremos no monólogo deste domingo?

Trata de poñerme en ridículo coa idea de que eu quería facer de galán nas películas e acabei facendo de 'yonqui' en papeis coma o de Celda 211. Basicamente é Luís Zahera poñendo en ridículo a Luís Zahera. É un divertimento de como cheguei a facer estes personaxes de malo pasando pola miña familia, a escola... Como descubrín que tiña cara de chungo. 

Non hai como rirse dun mesmo. 

Efectivamente. Non hai como rirse dun mesmo.

Dámoslle á risa a importancia que deberiamos?

Eu non son unha persoa de risa fácil. Dedícome un pouquechiño a facer rir pero gustaríame rir máis do que me río. Non son capaz. Pero creo que si que está valorada porque a xente ten ganas de rir. Xa bastante triste é o mundo. Nos monólogos nótase que a xente ten ganas de rir. 

Entón, que lle fai rir?

O outro día falaba con alguén disto, de que non son capaz de rir cando alguén afuciña, por exemplo. Podo rir da reacción dun neno, de algo que vexo pola rúa, pero non son de risa fácil. E dame envexa a xente que ten a capacidade de rir por calquera cousa, porque é algo moi bonito. 

Dende aqueles papeis que tódolos galegos lembramos, ten traballado tamén fóra. Diría que hai un humor tipicamente galego?

Para esas cousas, eu son bastante distraído. Non podería dicir: "O humor galego consiste en...". Vivín tempadas en Madrid e agora estou na Coruña gravando a serie "La unidad" e hai actores de fóra de Galicia que din que é un humor moi surrealista. Pero non son eu un bo teórico destes temas, eu son un pintamonas.

Te puede interesar