celanova

Máis de 1.400 nenos tomaron parte nos Concertos de Órgano

CELANOVA
photo_camera Os alumnos que participan no programa acompañan o órgano coas súas frautas.

Centros educativos de toda Galicia visitaron Celanova durante os últimos meses de primavera

O órgano de Celanova recibiu a máis de 1.400 escolares de toda Galicia nos últimos meses, época na que se realizan a maior parte das excursións nos centros educativos. Todos eles participaron no programa de concertos didácticos que agora pechan a súa  décima edición e que lles permiten ós mozos coñecer a importancia histórica e o funcionamento dun órgano coas características do que alberga o Mosteiro de San Salvador. As sesións, compostas por unha parte teórica e outra práctica na que os rapaces acompañan ó instrumento coas súas frautas, son impartidas polas organistas Marisol Mendive, María José Mosquera, Irma Fernández e Mary Valugo, que este ano desvelaron os segredos do órgano celanovés a un total de 32 colexios. 

Destes, Pontevedra erixiuse como a provincia máis participativa coa visita de 11 centros educativos, seguida de Ourense con oito, A Coruña con sete e Lugo con seis. Dende o Concello amósanse moi satisfeitos por contar con xoves visitantes chegados de tódolos puntos da xeografía galega e aseguran que o obxectivo pasa agora por captar alumnado do norte de Portugal. 


Visitas ós principais puntos


Ademais de participar nos concertos didácticos, os alumnos que se achegan a Celanova aproveitan a súa estadía na vila para coñecer os seus principais lugares de interese, como son, ademais do Mosteiro, a Capela de San Miguel, a Casa dos Poetas, Castromao ou Vilanova dos Infantes. Para o alcalde, José Luis Ferro, trátase dun "gancho perfecto" para darlle a coñecer o patrimonio "ós que van ser os visitantes do futuro". O rexedor asegura que o programa de visitas "está funcionando de marabilla" e fai unha valoración "moi positiva" destas visitas, que se prolongan durante todo o día e enchen as rúas de Celanova de turistas.

Esta fidelidade é outro dos aspectos que salientan dende o Concello, pois son moitos os centros educativos que acadaron xa a súa décima visita. Para agradecerllo, a Fundación Curros Enríquez, encargada da organización das excursións, convídaos a unha torta cando cumpren unha década coñecendo Celanova e outórgalles un diploma no caso de que acaden a súa quinta vez. 

Paralelamente, estase a desenvolver tamén un programa de microconcertos de órgano para os grupos en xeral que visitan Celanova. Con este, ascende a 2.000 o número de persoas que coñeceron de cerca o instrumento.

Te puede interesar