Manuel Buciños lévase o premio “Casa dos Poetas”

O padroado da Fundación na reunión de onte.
photo_camera O padroado da Fundación na reunión de onte.

A Fundación Curros Enríquez de Celanova galardoou ao artista Manuel Buciños co XXXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas”

"Este premio recoñece cada ano a persoas ou colectivos que se teñan significado ao longo das súas vidas por desenvolver un intenso labor a prol da cultura galega ou de Galicia”, sinalaron dende a Fundación Curros Enríquez de Celanova, tras galardonar ao artista Manuel Buciños co XXXIX Premio “Celanova, Casa dos Poetas” .

Así, o xurado, presidido por Antonio Puga, decidiu por unanimidade concederlle o galardón a Manuel García Vázquez, “Buciños”, “pola súa longuísima traxectoria no cumio principal da arte escultórica galega, como transformador que ten sido das formas lisas e apacibles da madeira, o bronce e a pedra, que se mimetizan subliminalmente coas da nosa propia orografía das nosas serras e das que emerxen figuras que transmiten sensibilidade e harmonía”, sinalaron na elección do premiado. 

Pola súa banda, o artista lucense recibiu a nova con moita alegría: “Recibín onte a tarde a nova e fíxome moita ilusión, porque ademais é un premio de Celanova, onde gardo moi bos amigos e un lugar no que fixen un monumento, así que é unha gran alegría”, sinalou tras recibir a chamada da Fundación Curros Enríquez. 

O padroado asegurou que Buciños “xa é un ourensán máis ao ter contribuído a elevar a arte escultórica ourensá aos máis altos niveis de calidade da escultura galega”. Así o afirmaron onte coa presenza de representantes do Concello de Celanova; da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade; da Deputación de Ourense; da Real Academia Galega e outros patróns a título individual.

Outros asuntos

Na reunión, o padroado da Fundación celanovesa tamén aprobou as contas e actividades de 2022, planificou as actuacións para 2023 e acordou o orzamento anual que aportan en distintas proporcións algúns dos patróns institucionais.

Como valoración do pasado ano destacouse “as máis de 13.700 persoas atendidas pola fundación, resultado motivado nas actividades e servizos que a entidade desenvolveu en diversos lugares como son a Casa dos Poetas”, sinalaron. 

Este ano confían en manter o “excelente” resultado en canto a visitantes e seguir divulgando a cultura en Celanova. 

Te puede interesar