entrevista

“A moda está chea de contidos culturais e artísticos, non é tan frívola como se pensa"

2015032411515523884
photo_camera José maría Paz Gago.

O celanovés José María Paz Gago presenta esta tarde na Casa dos Poetas (20 horas) o seu último libro, "El octavo arte. La moda en la sociedad contemporánea"

Non é unha guía de estilo nin un  manual de moda. Que é "El octavo arte"?
Pretendo facer unha reflexión intelectual sobre a moda. De feito, acudo a filósofos como Nietzsche, Bourdieu ou Proust para ver que opinaban eles deste tema. A conclusión é que non se trata de algo tan frívolo nin superficial como ás veces se pensa, senón que a moda está chea de contidos culturais, artísticos e revolucionarios. De feito é na Revolución Francesa onde nace o concepto porque antes diso a xente non era libre de vestirse como quería. 

De onde vén considerar a moda como algo frívolo?
Non está no propio fenómeno, senón no valor que lle dá a xente. A literatura está chea de elementos filosóficos pero tamén hai literatura frívola nalgúns best sellers ou nos libros publicados por famosos da televisión. A moda, ademais, ten un rasgo histórico porque podemos situar fotografías ou pinturas no tempo en función de como viste quen sae nelas.

Hai quen segue sen considerala como unha arte?
Si, pero a tese que manteño eu no libro é que si que o é tratando de aportar argumentos. Por exemplo, unha das pegas que se lle pon é a compoñente económica, un rasgo que  teñen tódalas artes. A pintura ou o cine tamén teñen un negocio por detrás, ás veces máis grande que o da moda. En 1973 houbo unha exposición no museo Metropolitan de Nova York dedicada a Yves Saint Laurent e os críticos de arte rasgáronse as vestiduras por deixar que un mercader entrara nun museo. Pero, que pasaba con Picasso, que cobraba só por respirar diante dun cadro del.
Antigamente a moda estaba reservada ás elites. Hoxe en día, a democratización da moda é real?
Precisamente ese é o carácter revolucionario da moda do que falo. En Francia os revolucionarios caracterizábanse pola súa forma de vestir, chamábanlle os "sans culottes". Para min, hoxe en día, un dos revolucionarios é Amancio Ortega, porque puxo ó alcance de toda a xente as tendencias das pasarelas. Para un adulto igual non tanto, pero que un adolescente poida ter a baixo prezo a camiseta de moda é unha conquista social. 

De onde vén o seu interese persoal pola moda?
Son catedrático de Literatura Comparada e sempre busquei innovar dentro do meu campo. Ademais, estiven de profesor en París, que é unha cidade onde se vive moito a moda. Sempre digo que, por ser de Celanova, son poeta, e por ser de Ourense, gústame a moda porque aquí temos unha industria e marcas moi importantes. 

Cara onde vai o futuro?
Pasa pola tecnoloxía, que cada vez se vai incorporar máis ó vestiario. Na moda deportiva, por exemplo, xa se empregan mecanismos para medir parámetros da saúde. Iso vai pasar ó resto da moda. n

Te puede interesar