A música inmortalizará obra inédita do escritor Xosé Velo

Camila Álvarez e Sindo Otero, coa portada do disco, diante da pintada “Adiante” no mosteiro.
photo_camera Camila Álvarez e Sindo Otero, coa portada do disco, diante da pintada “Adiante” no mosteiro.
O banduense Sindo Otero pon a música aos versos “íntimos e comprometidos” do autor celanovés Xosé Velo

“Canzón da Carceleiriña” e “Confirmación de fe” son dos poemas inéditos de Pepe Velo que, nos albores da primavera, sairán á luz no disco “Adiante. A palabra de Xosé Velo” que inclúe o poema homónimo, “Unha” e “Soneto”. 

Un traballo impulsado polo Comité da Memoria Histórica da comarca de Celanova coa colaboración económica da Fundación Moncho Reboiras, onde o banduense Sindo Otero pon a música aos versos do celanovés, un personaxe que durante anos estivo ligado ao episodio do secuestro do navío Santa María para protestar polas ditaduras de Franco e Salazar en xaneiro do 1961, pero que nos últimos anos viu reivindicada a súa figura como grande activista, orador e poeta.

O ano pasado, con motivo do 50 aniversario do pasamento do celanovés, diferentes persoas e institucións desenvolveron unha intensa programación para dar a coñecer a súa figura, sendo a música unha signatura pendente. “Creo que era necesario. Este ano pasado se fixeron moitos homenaxes a Velo, sobre todo en escrito e documental, pero creo que a música lle da un punto máis alá a poesía. Creo que a música e a poesía naceron para ir xuntas. É unha forma de chegar a un público que pode ser máis remisa a ler poesía. Era algo que non se fixera, e había que facer”, dixo Sindo Otero, que achegouse a figura de Velo da man dun amigo de Celanova, Hixinio Araújo Feijóo. “Un día pasoume o poema ‘Canzón da Carceleiriña’ que Velo escribiu cando estaba fuxido, acougado en Moreiras, e que está adicado a súa nai María”, lembra Sindo, quen a partir de aí empezou a mergullarse na súa obra, coa axuda dos membros do Comité e do propio Hixinio, que lle pasou outro orixinal, “Confirmación de fe”, que Velo adicou ao seu avó.

Pegada celanovesa

Unha cousa levou a outra, como lembra Sindo Otero, sobre un proxecto que está a piques de completar o proceso de gravación. Unha fase na que entrará en xogo a celanovesa Camila Álvarez, vella compañeira do instituto, que o destino puxo no seu camiño para poñer a voz feminina nun álbum no que tamén participa Manuel Abano, e con Nacho Varela na produción. “Foi unha bonita casualidade reencontrarnos”, comentaban ambos, ledos por compartir un proxecto musical “que vai sorprender a moita xente”, subliñan, á vez que compartían a súa ledicia por contribuír a exaltar a obra poética doutro grande celanovés. “Un home do que apenas se coñecía, eu ao menos, a súa obra e que mostra unha poesía intimista, comprometida co pobo”, describía Camila Álvarez. Cinco poemas, cinco estilos diferentes “pero coherentes”, di Otero, quen confesa como, “sen querer, vainos saír un disco de Velo conceptual”.

Te puede interesar