Celanova

Os músicos máis novos animaron Celanova coas súas audicións finais

Celanova

celanova

Os músicos máis novos animaron Celanova coas súas audicións finais

Os rapaces da Escola de Música interpretaron as súas partituras ante os veciños da vila. (C.P.)
photo_cameraOs rapaces da Escola de Música interpretaron as súas partituras ante os veciños da vila. (C.P.)

Con esta actividade, a Escola de Música amosa o seu traballo na vila

Como cada domingo, as terrazas da Praza Maior enchéronse de celanoveses descansando fronte ó Mosteiro pero, nesta ocasión, contaron coa compaña duns veciños moi especiais. Os nenos que durante todo o curso participaron nas actividades da Escola de Música continuaron o seu ciclo de audicións finais compartindo con todos os compases e solfas aprendidos ó longo do ano. "O obxectivo é sacar a escola á rúa", explicaba o seu director, Miguel Pérez, mentres os rapaces apuraban o último repaso á partitura. 

En solitario ou en pequenos grupos, os alumnos foron interpretando diferentes melodías cun grao de dificultade acorde ó seu nivel formativo. Todas elas foron moi ben recibidas e aplaudidas polos espectadores, que gozaron dun domingo diferente. O responsable do centro, que traballa cos músicos máis novos dende 2015, asegura que este tipo de iniciativas son moi ben acollidas polos nenos, "failles moita ilusión vir tocar á Praza" e axúdalles ós veciños a visibilizar o traballo realizado. 

Na actualidade, a Escola de Música de Celanova conta cuns 300 nenos, que acoden tódalas semanas ás máis de 10 especialidades coas que conta o centro no seu programa formativo. Batería, guitarra, piano ou saxofón son as máis demandadas polos pequenos, que poden participar dende os catro anos. A asignatura de música e movemento é a encargada de recibir ós máis pequenos para familiarizalos co ritmo e a coordinación.