entrevista

"Os nenos son creativos, sempre están pensando en cousas diferentes"

A ilustradora celanovesa Katharina Ojea.
photo_camera A ilustradora celanovesa Katharina Ojea.
A ilustradora celanovesa Katharina Ojea é a encargada dos talleres de ilustración que durante os últimos anos se teñen desenvolvido na Fundación Curros Enríquez

Os celanoveses e visitantes que onte cruzaron a Praza Maior atoparon un improvisado posto no que varias artistas agardaban para facer un retrato personalizado salientando os rasgos máis peculiares de cada un dos rostros que ían pasando por el. As mozas, todas elas participantes dun obradoiro de caricaturas, collían o lapis coa emoción de poder plasmar tantas caras diferentes. Dirixidas pola súa mestra, a ilustradora celanovesa Katharina Ojea, encargada dos talleres de ilustración que durante os últimos anos se teñen desenvolvido na Fundación Curros Enríquez. Esta artista da vila foi tamén a encargada de elaborar o cartel da Ramallosa, un traballo no que lle deu forma á esencia da festa grande da vila. O obradoiro de caricaturas continuará durante estes días das festas do San Roque.

Como xurdiu a idea de saír a facer caricaturas polas rúas?

Cando acabou o obradoiro de ilustración, as nenas querían algo máis. No Concello propuxéronnos facer algo relacionado coas caricaturas e, como eu xa tiña visto nalgún sitio un pequeno posto para que as rapazas pintasen, decidimos facer algo así. Están encantadas. 

Xa ten dado varios talleres de debuxo. Como ten sido a experiencia para vostede, que é case recén titulada?

Moi ben, a verdade. As rapazas están moi contentas porque non tiñan visto nada de deseño de personaxes. En clase de Plástica, normalmente apréndese pintura, óleo, acrílico... Todo máis tipo museo. E todo isto de animación encántalles. Moitas delas, repetiron. Xa saben facer a caricatura, a base da cara... Os nenos aprenden rápido. 

Cando empezou a estudiar Belas Artes, xa tiña en mente dar clases a nenos?

Foi xurdindo. A min encántame debuxar e encántanme os nenos. Xuntei todo iso e saíron estes talleres.

E que aprende vostede dos pequenos?

Son moi creativos. Sempre están pensando en cousas diferentes. Moitas veces os adultos cinguímonos a unha idea e os nenos danlle moitísimas máis voltas e intentan buscar máis posibilidades a un solo tema.

Tamén é autora dos últimos carteis da Ramallosa. Que lle aportan estes traballos?

Axudan a que a xente me coñeza máis. Como estou case sempre fóra, moita xente non sabía que debuxaba e isto dame a coñecer un pouquiño máis en Celanova. A iniciativa xurdiu porque a Ramallosa, algo tan bonito, non podía estar sen un cartel artístico.

Cales son os seus próximos proxectos?

Vou volver a Madrid para facer un curso de Publicidade e tratarei de buscar un traballo estable. Estou tamén dando estes talleres nun centro de menores de Ourense, teño ilustrado algún libro infantil que aínda non saíu ó público e tamén algúns encargos pequenos.

Te puede interesar