CRÓNICA

No monte Furriolo, un monumento fascista

En Galiza hai trinta e dous monumentos que renden homenaxe ás vítimas dos crimes franquistas. Neste asunto levo traballando dende hai máis de tres anos. Despois de me ocupar das novelas galegas que exploran a Segunda República, guerra civil e franquismo, vinme mergullado nos lugares físicos de memoria que, igual que a literatura, transmiten a memoria traumática que, sabemos, está a piques de desaparecer nas voces e nos ollos dos que presenciaron os feitos. Os trinta e dous monumentos amosan unha intención de narrativizar os feitos por medio dunha intervención estética. Céntrome na efectividade destas obras á hora de transmitiren o coñecemento dos feitos traumáticos, non só ás persoas directamente afectadas senón á sociedade en xeral e tamén (sobre todo) ás futuras xeracións. Afondo nas consecuencias que teñen estes lugares de memoria sobre a memoria individual e colectiva.

Coñecín o mural de Xosé Vizoso, erixido no Alto do Furriolo, en Febreiro de 2010. Inaugurado en Agosto de 2006, o mural marcou o que puido ser un antes de despois a respecto da visibilidade pública da memoria dos asasinados neste lugar no concello da Bola. Segundo o artista, que traballou trinta anos como deseñador para o Grupo Sargadelos, o mural representa “una morea de cadáveres.” A obra recorda unha mestura do Gernika de Pablo Picasso e a estética dos libros publicados por Ediciós do Castro. Son corpos fragmentados aínda que se pode discernir, á dereita, a cabeza do que podería ser o corpo social e á esquerda un pé dese mesmo corpo. O que apreciei neste mural, no nivel figurativo, era que este corpo social fragmentado polo franquismo segue a ser fragmentado por culpa dunha transición que deixou libres todos os asasinos.

O promotor do mural foi a asociación Arraianos cuxo presidente, Aser Álvarez, comentou que a inspiración de levar a cabo a construción da obra lla transmitiu Elixio Rodríguez, sobrevivinte do cárcere do mosteiro de Celanova, que estivo a piques de morrer fusilado no Furriolo. Arraianos fixo un labor loábel de dignificación das vítimas e recuperación da memoria traumática. Na revista Arraianos publicaron dous volumes dedicados á esta cuestión (en 2005 e 2008) e realizaron xornadas a semana da inauguración do monumento no instituto de Celanova.

Un documento interesante tamén é o DVD que sacou a asociación en 2008 con dúas curtametraxes; unha sobre Elixio Rodríguez e outra que fai unha recreación dramática sobre os asasinatos no Furriolo. Hai que sinalar tamén que á inauguración do mural asistiu, entre moita xente da esquerda en Galiza, o anterior vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, que reafirmou o compromiso do goberno bipartito coa xustiza histórica.

Porén, despois da publicación do segundo volume de Arraianos en 2008, semella que a asociación se desentendeu do mural e da memoria histórica. Cando voltei ao Furriolo en Xullo de 2013 atopei un escenario terríbel. Estaban esvaídas as cores e había manchas de pintura que se botara enriba. Mais o que realmente arrepiou foron unhas letras grosas en negro que lían: “Rojo Muerto Rojo Bueno” e “FRANCO,” e a pintura dunha mira de escopeta sobre a cabeza do corpo social. Esas pintadas levaban alí cando menos un ano, moi posibelmente dous. Tornei hai menos dun mes e encontrei a obra en case idéntica situación. O mural daquela é, dende anos, un monumento franquista que incita á violencia, á matanza de demócratas.

Hai dúas entidades que ao meu xeito de comprender as cousas teñen a responsabilidade de resolver esta vergoña canto antes: O concello da Bola e a asociación Arraianos. María Teresa Barge, alcaldesa da Bola dende 2003, apoiou o levantamento do mural en contra dunha esperábel oposición do Partido Popular. Mais é certo tamén que a alcaldesa fixo pouco ou nada para que o lugar fose visitado. En calquera caso, é a súa obriga eliminar do seu concello expresións públicas de odio que poidan incitar a actos violentos.

A asociación Arraianos, pola súa parte, ten responsabilidade xa que promoveu a construción da obra. Parece que unha vez falecidos os sobreviventes que asistiron á inauguración, o labor concluíra.

Ao tentaren representar determinados sucesos traumáticos, os monumentos conmemorativos tamén reflicten dalgunha maneira as situacións actuais das comunidades; reflicten o estado da memoria. En xeral, pódese dicir que os lugares de memoria en Galiza demostran, por unha banda, que existe conciencia e iniciativa para recordar os crimes franquistas co fin de atinxir unha xustiza histórica a prol dos que perderon (perdemos) a democracia en España. Mais poñen de manifesto ao mesmo tempo as limitacións verbo da capacidade que ten a sociedade para manter viva a memoria. E non só debido á oposición dos sectores reaccionarios que seguen defendendo o franquismo senón tamén á falta de estratexias intelixentes e visión dos que levan a cabo os proxectos memorialistas.

Un dos fallos máis obvios por parte dos promotores do mural de Vizoso foi a súa localización. Malia estar perto de onde os falanxistas mataron, o lugar non é concorrido. Nin sequera pasan por alí os rallies que amaña o concello cada verán.

Por medio de consultas que realicei, entendín que a asociación Arraianos depositou a súa confianza no concello da Bola para que este se encargase do coidado e divulgación do mural. Porén, construír un monumento para esquecelo ao cabo duns poucos anos é igual que esquecer os eventos e as figuras que no seu momento se conmemoraron.

A solución é doada. No caso de que se propuxese reparar a obra, isto tería que se acompañar dunha mudanza de lugar; por exemplo nun sitio moi visíbel desde a estrada que une Celanova e Xinzo de Limia, ou perto do concello da Bola en Lugar de Veiga. Mais se non houber un proxecto coordinado para ritualizar a conmemoración e seguir elaborando a memoria traumática que representa o monumento, a única solución será a demolición do mural.



John Thompson (Montana, EUA, 1971) é profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade do Estado de Montana.

Te puede interesar