entrevista

“Un dos obxectivos da Escola de Teatro é que os chavales aprendan a traballar en equipo"

Jouse García, profesor de teatro.
photo_camera Jouse García, profesor de teatro.
Jouse García dirixe a Escola Municipal de Teatro de Celanova

Esta semana abriuse o prazo para o novo curso da Escola Municipal de Teatro de Celanova, que ten previsto abrir as súas portas o primeiro xoves de outubro e que está dirixida polo actor e profesor Jouse García. Esta actividade, que supón unha alternativa aos deportes, xa conta con seis longos anos ás súas costas e ten unha moi boa acolleita na vila de San Rosendo. 

Como funciona a dinámica da escola?

O que fago normalmente é un primeiro trimestre de clases, con exercicios e xogos de improvisacións e de técnica. Ao remate desa primeira etapa, xa comezamos a ver algunha obra que nos vaia gustando para poder escoller e presentala ao final do curso. En febreiro ou marzo xa nos dedicamos exclusivamente a ensaiar. O último trimestre é xa todo de ensaio para presentar a obra a finais de xuño.

Cales son as sensacións para este novo curso? 

Espero que en principio repitan os nenos do ano pasado. De feito, o anterior exercicio empezaron dúas nenas novas e espero que este ano chegue algunha máis, e a ver se se anima xente dos outros grupos, xuvenil e adultos. 

Cal é o obxectivo da escola?

Principalmente, que os rapaces teñan unhas nocións básicas do teatro e que aprendan a traballar en equipo, así como que lle sirva a nivel persoal. Non busco que xurda ningún profesional, so que aprendan os beneficios do teatro a nivel persoal, como son enfrontarse a un público e perder a timidez. Para min o máis importante é que teñan contacto co público, sen iso para min non é teatro. E por suposto que reciban o aplauso do público.

Ten boa acolleita esta actividade na vila? 

Si, ten moi boa aceptación. É unha actividade que xa leva varios anos en Celanova, o cal é por algo. En moitos lugares non pasa do primeiro curso, pero non é este o caso.

Te puede interesar