CRONICA

Outro reto para "instagramers"

canteira cartelle
photo_camera Imaxe da canteira de Cartelle, lugar que concentra moitas visitas.

Ourense conta co seu particular Monte Neme, aínda que neste caso, a canteira de Cartelle, da que é titular unha empresa, conta agora cun garda de seguridade para evitar o paso trala ampla afluencia de visitantes

Define a Real Academia Galega o termo moda como o "uso ou estilo que manifesta a aceptación dunha determinada maneira de vivir, expresarse, vestir..., por parte dun grupo máis ou menos numeroso, nun determinado momento ou época". Porque as modas teñen esa capacidade de levarnos a lugares onde non deberiamos estar ou a facer cousas que non deberiamos facer, simplemente, porque o está facendo todo o mundo. Froito dunha moda pouco lóxica xurdiron estes días nos medios de comunicación as noticias sobre as consecuencias dos baños prohibidos na canteira do coruñés Monte Neme. 

En Ourense temos un caso semellante, no que a fenómeno xeolóxico se refire, aínda que pouco ten que ver nas súas características a nivel turístico. É a canteira de Cartelle, un punto situado no entorno das Teixugueiras ó que as redes sociais lle fixeron gañar unha popularidade que acabou por obrigar á empresa a tomar medidas para evitar a masiva afluencia de visitantes. A pesar de que as persoas que pasaron pola canteira de Cartelle nos últimos anos se contan por miles, o alcalde do municipio, Jaime Sousa, lembra que se trata dunha "propiedade privada á que non se pode entrar". De feito, o recinto está completamente cercado para impedir que se achegue a el calquera persoa allea á empresa concesionaria, pero a alambrada permanecía habitualmente cortada polos propios visitantes para poder acceder con facilidade. 

Nin este cerco, nin os numerosos carteles alertando de que o paso estaba prohibido foron quen de frear as numerosas visitas. Por iso, esta gran afluencia de visitantes acabou por provocar que a empresa dispuxese un garda de seguridade de xeito permanente nas inmediacións do recinto, co fin de impedir que as visitas continuasen sucedéndose. O motivo non sería outro que unha cuestión de seguridade. 

A pesar de que a canteira xa non funciona como tal, senón que a empresa deteu a actividade mineira hai anos, segue sendo titular da zona pola concesión que foi renovada coa actividade de extracción mineira xa paralizada. Por iso, é responsable non só de manter as instalacións, senón de todo aquilo que aconteza no seu interior, de xeito que calquera incidente que puidese producirse dentro, podería conlevar consecuencias para a concesionaria, que a día de hoxe continúa pagándolle ós veciños polo aluguer dos terreos de man común.

Dende o Concello son conscientes de que as características augas azul turquesa poderían constituír un importante recurso turístico. Por iso, o actual equipo de goberno amósase disposto a negociar coa empresa para poder obter a titularidade dos terreos e desenvolver un proxecto para atraer visitantes. Polo de agora, a beleza producida pola explotación mineira en Cartelle permanece tras unha alambrada, mentres o nivel da auga non deixa de crecer. "Non é auga de chuvia, a auga vén dun manantial moi rico", explica Jaime Sousa.

Te puede interesar