ENTREVISTA

"Benito Cancela evitou que compañeiros seus asaltaran o mosteiro"

Pablo Sanchezs
photo_camera O historiador celanovense Pablo Sánchez.

O historiador celanovés Pablo Sánchez presenta hoxe o libro "Masonería e República en Celanova", unha obra que afonda na figura de Benito Cancela, alcalde republicano de Celanova

O historiador celanovés Pablo Sánchez presenta hoxe o libro "Masonería e República en Celanova", unha obra que afonda na figura de Benito Cancela, alcalde republicano de Celanova durante o estalido da Guerra Civil e recoñecido masón da época. O acto será ás 12,00 horas na Casa dos Poetas.

Quen foi Benito Cancela?

Naceu en Rairiz de Veiga e emigrou cara América sendo case analfabeto. Alí coñeceu a masonería, que lle proporcionou a súa formación. Ó volver estableceuse en Celanova, pois sentía admiración por Curros Enríquez, un nome simbólico dentro da masonería. Aquí fundou un pequeno hotel e foi nomeado alcalde de Izquierda Republicana tres meses antes da Guerra Civil. Co golpe de estado, destituíuse a toda a corporación, pero conseguiu fuxir gracias a un policía secreto que durante varios días acudiu ó seu bar facéndose pasar por un mendigo xordomudo. O bo trato que lle deu fixo que o avisase de que o ían deter. Estivo camuflado e reapareceu unha vez rematada a guerra pensando que xa non o xulgarían, pero condenárono a catro anos de cárcere. Cando o soltaron marchou para Oviedo coa filla e o xenro. Alí tratou de refacer a súa vida con moitas dificultades por parte da policía política. Volveu a Ourense, onde faleceu. 

Por que se di del que salvou o Mosteiro de Celanova?

Nas súas fichas policiais figura unha curiosa nota dicindo que foi un "alcalde digno, que hizo una buena labor". Refírense a que salvou o Mosteiro de que os seus compañeiros de partido máis radicais intentaran asaltalo. Nun momento como a Guerra Civil, resulta curioso que unha persoa conseguira gañar a admiración e o cariño de xente tanto de dereitas como de esquerdas. Aínda así, non se librou de estar no cárcere varios anos. 

Foi moi forte a presencia da masonería na República?

O alcalde de Ourense daquela época, Manuel Suárez Castro, tamén era masón, aínda que doutro partido político. A masonería constitúe unha escola de formación con ideas e actitudes coma o laicismo ou os dereitos humanos,. Está relacionada cos valores republicanos de tolerancia, igualdade, fraternidade e liberdade. Durante a II República, en España houbo unha presencia importante da masonería entre deputados, ministros e mesmo presidentes do Goberno. Isto non significa que a República fora obra da masonería, como pensaba Franco e do que tamén presumían algúns masóns. Loitaron polos valores republicanos, pero había xente de diferentes partidos, ás veces incluso antagónicos e enfrontados entre si. 

A masonería sempre estivo rodeada de certo mito. Que foi en realidade e que é o que queda hoxe?

Moitas veces estes mitos están fomentados polos propios masóns, que queren ligarse cun pasado simbólico. Non é unha sociedade secreta nin unha secta, como moita xente pensa. A masonería divídese en dúas correntes principais: a regular, de orixe inglesa, moito máis conservador; e a liberal, que tivo máis éxito en España, de orixe francés, máis laica e permisiva. En realidade a súa influencia sempre estivo moi minimizada polas loitas internas. Non deixaron de ser nunca un grupo minoritario na sociedade, por moito que pertenceran a ela grandes personaxes. Hoxe en día non chegan a 4.000 en toda España e durante a súa época dourada, que foi na República, non pasaban de 5.000, a pesar de que Franco os tivese como os grandes inimigos. 

Como chegou vostede ata Cancela?

No 2014 tiven que facer o meu traballo de fin de grado e quería estudar algo relacionado con Celanova. O profesor Alberto Valín faloume de Benito Cancela e chamoume a atención a súa historia case de novela. Valín ensioume que a historia ten que reivindicar o presente e por iso meu libro pido que Benito Cancela sexa recuperado e homenaxeado.

Te puede interesar