MELLORAS

Padrenda sinaliza e limpa o Camiño Miñoto-Ribeiro

Foto Celanvoa_result
photo_camera Aínda que non é a oficial da Xunta, a sinalización pretende axudar a guiar ós peregrinos.

A brigada municipal está traballar no tramo entre Lordelo e Formarigo

A ruta que percorre os dous kilómetros aproximados que separan os núcleos de Lordelo e Formarigo é agora o primeiro tramo do Camiño Miñoto-Ribeiro a Santiago en contar cunha sinalización "oficial". Así o explica o presidente da asociación de veciños de Padrenda, José Antonio Alfonso, encargado de supervisar os traballos realizados sobre a zona durante esta pasada semana. 

Deste xeito, membros da brigada municipal estiveron limpando os camiños e instalando unhas indicacións que, polo de agora, non son as estipuladas pola Xunta de Galicia pero axudarán a guiar ós peregrinos. "Empeza a ser unha ruta transitada", en palabras de José Antonio Alfonso, a pesar de que aínda non está acreditado oficialmente. Este é, precisamente, o obxectivo marcado pola recente asociación de Amigos do Camiño Miñoto-Ribeiro para o ano 2021. 

Mentres, os veciños de Padrenda, coa vista posta na andaina programada para o día 28 deste mes, "limpamos o tramo polo que vamos pasar na ruta das Fragas do río Gorgua". Os traballos continuarán o luns e teñen previsto chegar ata o núcleo do Condado, lugar onde se situaba o antigo hospital de peregrinos. "O Camiño Miñoto-Ribeiro entra en Galicia por Azoreira, aí hai un camiño real pero pasa por unha comunidade de montes e é máis difícil executar os traballos de limpeza", conta José Antonio Alfonso. É por iso, e pola celebración da segunda edición da andaina, que decidiron comezar a recuperación desta ruta a partir do núcleo de Lordelo. 

Unha vez que a brigada limpe ata O Condado, as actuacións suspenderanse unha tempada, agardando a formación dun novo equipo de limpeza. Será entón cando continúen por todo o tramo do Camiño Miñoto-Ribeiro que percorre o Concello de Padrenda, algo que esperan acadar "antes de que acabe o ano". 

Esta ruta xacobea é, segundo os seus promotores, unha das máis antigas e unía Braga con Santiago ó longo de 240 kilómetros. En Galicia percorre un total de 14 municipios, dos cales nove pertencen á provincia de Ourense.

Te puede interesar