ENTREVISTA

"O papel do auténtico creador radica en construír unha obra que faga pensar"

DSFDFS
photo_camera Xoán Carlos Domínguez Alberte.

O escritor e mestre de Escudeiros (Ramirás) Xoán Carlos Domínguez Alberte acaba de publicar o seu derradeiro libro, "Soneto no alfabeto"

O escritor e mestre de Escudeiros (Ramirás) Xoán Carlos Domínguez Alberte acaba de publicar o seu derradeiro libro, "Soneto no alfabeto" que o vindeiro venres, 9 de marzo ás 20,00 horas, presentará na libraría Punto e Coma de Ourense. Trátase dunha nova achega poética pensada para a xuventude, unha franxa de idade que coñece ben dada a súa labor profesional coma profesor no IES Aquis Querquennis de Bande.

Vostede, que traballa nun instituto, cal é a importancia de facer un traballo de poesía para a xuventude?

O meu anterior libro (Versos para conversar, Galaxia 2016) estaba pensado para a xente máis nova. A poesía goza da mellor consideración, dise que é xénero nobre por excelencia, pero de pouco cultivo, tanto dende a oferta para adolescentes coma dende a aposta editorial. Sen embargo resulta fundamental achegarlla aos máis novos. Pola inmensa capacidade expresiva que posúe, porque é breve pero non se esgota e porque dá moito para interpretar.

Como xurdiu a idea do libro?

Os meus libros anteriores están escritos en verso libre. Agora quixen experimentar co molde máis clásico, o soneto. Mais cun nivel de esixencia superior: cada poema comeza e xoga con cada unha das letras propias do alfabeto galego; e a temática é a arte da creación poética, mais expresada dende o cotiá. A poesía é unha linguaxe que está con nós dende que nacemos.

De onde saca tempo para escribir?

No meu caso a escritura é o complemento doutra –imprescindíbel– devoción, a lectura. Escribir, polo tanto, é vivir.

Na era das novas tecnoloxías, que papel ten que xogar o escritor tradicional?

Un papel decisivo. Repárese que unha cousa é a multiplicidade de canles e outra ben distinta a variedade de discursos e propostas que se ofrecen, que sexan beneficiosas para a vida das persoas. Aí é onde radica o papel do auténtico creador, en construír unha obra que faga pensar, que sirva para sermos máis libres.

Conta con unha ampla e variada bibliografía, en que xénero atópase máis cómodo?

Todo canto fago tenta explicar un mesmo propósito. Expresar o noso tempo dende unha dimensión autóctona e universal. A poesía é a esencia do pensamento, á que a nosa lingua dalle voz.

Xa ten data de presentación na cidade das Burgas, para cando ten previsto presentar a obra nas Terras de Celanova? E na Baixa Limia?

A mediados de xullo temos previsto facer unha presentación en Escudeiros (Ramirás). En Celanova tal vez coincida co comezo do novo curso escolar.

En que está traballando agora?

Ademais de proxectos individuais de creación e investigación, ultimo un feito a varias voces, por ser moi importante o traballo conxunto. E gustaríame tamén visibilizar o inmenso patrimonio literario e cultural que atesoura a nosa terra.

Te puede interesar