CELANOVA

A pura esencia da festa

Fiadeiro de Ramirás
photo_camera Un grupo de rapaces no animoso baile (C.P.).

A Noite de Fiadeiro de Ramirás, organizada polo colectivo Rebulir, celebrou este sábado a súa XIII edición coa asistencia de máis de 400 persoas e 41 grupos de baile, música e animación, no que foi o seu último ano co formato desenvolvido ata agora

Eran por volta das 5 da tarde cando o rebumbio chegou a Vilavidal para non descansar ata ben entrada a noite. Grandes, pequenos, mozos, mozas, todos estaban chamados a participar desta festa, que non é outra que a esencia máis enxebre da diversión. Era a Noite de Fiadeiro de Rebulir, que chamaba a festexar ó grande por última vez. "Poderiamos dicir que morreu de éxito", explica o director de Rebulir, Alexandre Sotelino, explicando que nestes 13 anos de vida da celebración, incluso o sitio quedou pequeno para acoller a tódolos participantes. 

Entre animación, baile e música, este ano acadaron a participación de 41 agrupacións. Moi satisfeitos pola gran acollida que esta festa ten recibido ó longo do tempo, dende Rebulir aseguran que o próximo ano voltarán cun formato máis íntimo. "A idea é darlle unha volta para retomar a esencia do que eran os fiadeiros", precisa Sotelino.

E que eran os fiadeiros? Eran xuntanzas populares, improvisadas, nas que a música e o baile se erixían como absolutos protagonistas. E así foi este sánado tamén a Noite de Fiadeiro. Dende primeira hora da tarde, comezaron a sucederse numerosas actividades como a feira de artesanía e a mostra de oficios tradicionais, mentres os máis pequenos e tamén os maiores máis nostálxicos, se divertían no obradoiro de xogos tradicionais impartido polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. 

As manualidades tomaron a testemuña arredor das 18.30 horas con diferentes obradoiros de elaboración das tradicionais tamancas da man de Tango Zapateiro, peiteados e pulseiras, que explicaron as responsables de Artesanía Mary, ou xogos cooperativos guiados polo colectivo Xurxemurxe. 


Música e baile tradicionais


Rematada a parte máis didáctica, foi entón cando a música encheu as rúas de Ramirás e a festa colleu ritmo para non parar. Xigantes e cabezudos percorreron o núcleo de Vilavidal chamando a participar na troula que estaba a piques de comezar. Trala actuación da banda de música municipal, os máis pequenos tomaron a pista de baile co Fiadeiro Cativo, no que participaron numerosas escolas de danza da provincia. Era o preludio da festa grande, na que os amantes da música e o baile tradicionais seguiron letra por letra o lema de Rebulir: "Troula ata que os pés aguanten!".

Así, máis de 400 persoas, 20 postos de artesanía e 10 horas ininterrumpidas de festa despediron un proxecto no seu mellor momento, que voltará para o ano cunha faciana renovada.

Te puede interesar