emprego

Unha quincena de proxectos pechan un novo "coworking" en Celanova

Jacqueline Pereira, Yumiko Hemi y Telmo López, participantes no coworking.
photo_camera Jacqueline Pereira, Yumiko Hemi y Telmo López, participantes no coworking.

Nestes anos pasaron polo programa 82 plans de emprendemento, dos que 45 xa están en marcha

A cuarta edición do Espazo Cowork de Celanova pechou onte a súa cuarta edición coa exposición de 15 dos 17 proxectos participantes, que durante os últimos catro meses recibiron formación en materia de desenvolvemento dunha idea empresarial. Distribuídos en catro bloques, servizos, moda, alimentación e tecnoloxía, os emprendedores foron expoñendo a súa proposta e a súa experiencia dentro do programa, impulsado pola Consellería de Economía a través do Igape en colaboración coa Escola de Organización Industrial. 

En total, o Espazo Coworking de Celanova ten formado a un total de 82 emprendedores nestes catro anos impulsados por veciños das Terras de Celanova e da Limia. Na actualidade, 45 deles xa están en marcha e levan asociados arredor de 70 postos de traballo. Os organizadores estiman que a edición actual supoña a creación doutros 15 empregos directos relacionados con iniciativas de modernización económica do rural. 

No acto, ademais da quincena de emprendedores, participaron o alcalde de Celanova, Antonio Puga; o director de desenvolvemento de pemes da EOI, Javier Benito; o xefe territorial da Consellería de Economía en Ourense, Santiago Álvarez, e a representante do Igape, Ruth Pereira. Todos eles coincidiron en sinalar a importancia deste tipo de programas no entorno rural. Puga amosou a disposición e colaboración do Concello de Celanova para que a iniciativa continúe. Javier Benito, pola súa banda, destacou o Espazo Cowork da vila como un caso "moi particular" dentro do medio cento de espazos que se desenvolven en toda a xeografía española debido á súa continuidade e estabilidade dende a primeira edición.

Tamén os emprendedores se amosaron moi agradecidos pola oportunidade participar no programa formativo, que ofrece sesións técnicas especializadas para que os participantes desenvolvan a súa idea empresarial, dende o bosquexo ata o plan económico e de futuro.

Te puede interesar