celebración

Raigame consolídase como a máis grande mostra etnográfica galega

A música e a danza animaron as rúas e prazas de Vilanova dos Infantes (ÓSCAR PINAL).
photo_camera A música e a danza animaron as rúas e prazas de Vilanova dos Infantes (ÓSCAR PINAL).

O gando autóctono, as labores agrícolas, os vellos oficios ou a gastronomía foron atractivos da romaría de Vilanova dos Infantes

Vilanova dos Infantes convertiuse un ano máis no centro etnográfico de Galicia coa celebración da XVIII Romaría Raigame, que reuniu ao longo da xornada de onte a numerosas persoas que non se quixeron perder o máis enxebre espectáculo coa recreación do que eran as feiras  dos séculos XIX e XX de Ourense, ás que se lle dedicou esta edición; a ampla mostra dos oficios artesáns e as reproducións dos labores agrícolas tradicionais, complementado coa exhibición de gando de razas autóctonas. 

Deste xeito, o público tivo a oportunidade de admirar as demostracións con animais de tracción e arreiros no campo da igrexa e tamén o manexo de xuntas de bois. Houbo tamén proxeccións de documentais, teatro, debuxo con area, danza e moita animación nas rúas con gaitas e música de banda durante toda a xornada.

Entre os 80 artesáns que participaron neste encontro etnográfico, o canteiro Marcos Escudero é un dos que non se perde ningunha edición. Ademais de ofrecer a demostración do seu traballo coa pedra, tamén se encargou do espectáculo de debuxo con area. "Participo en moitas feiras tradicionais onde se mostra a recuperación dos oficios, pero esta de Vilanova dos Infantes é a mellor de todas as de Galicia, coa presenza de todos os oficios, e para min é un orgullo que a organización me convide". 

A gastronomía, como en todas as romarías, ocupou un espazo importante dentro da ampla programación. Entre as tabernas que ofrecían unha gran variedade de produtos estaba a "Mariñeira", de Berta María López, na que se podían degustar mexilóns ou empanada de zamburiñas, entroutras delicias da costa. "O ambiente é estupendo, moi familiar, e aínda que o día amenazaba con choiva, finalmente superáronse as expectativas que tíñamos de asistencia. Raigame supera á choiva", sinalaba esta hostaleira de Celanova.

Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova xunto co Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, recoñeceu á Coral De Ruada co premio Adolfo Enríquez polos seus cen anos de historia e a súa implicación con esta romaría, cantando a misa que se celebra cada ano. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recoñeceu á agrupación como "unha gran embaixadora cultural e musical de Ourense". 

O Simposio Raigame estivo centrado nesta ocasión no traballo realizado polo Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con sede no Pazo de Fontefiz, e o seu traballo na recuperación de razas gandeiras en perigo de extinción. Ademais de Baltar, tamén asistiron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, entre outras autoridades.

Te puede interesar