Raigame enche Vilanova no regreso das festas á comarca

photo_camera Milleiros de persoas encheron as rúas de Vilanova dos Infantes no esperado regreso da romaría etnográfica Raigame. Veciños e visitantes desfrutaron da festa, que contou coa participación de artesáns e  colectivos chegados dende toda Galicia.
O burgo medieval, envolto na esencia das vellas romarías, homenaxeou a figura do médico rural

Raigame voltou este martes a Vilanova e o fixo máis forte e enraizada no sentir popular ca nunca. Fai tres anos da última celebración, e artesáns e artistas tiñan ganas de celebrar, igual que os milleiros de persoas que este martes tomaron o burgo medieval con motivo da décimo novena edición da romaría etnográfica organizada polo Concello de Celanova e a Deputación de Ourense, co apoio do Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e coa indispensable implicación da veciñanza que abre as portas dos seus baixos e fincas para facer do pobo, unha festa.

Cada vez son máis os participantes que acoden engalanados coa vestimenta da época e tamén quen aproveita a xornada festiva para achegarse a Celanova e descubrir un patrimonio único, comezando polo corazón do burgo medieval. “Cantas prazas ten este pobo?”, preguntaba curiosa unha cativa, sorprendida porque, case a cada paso, se atopaba un escenario no que desfrutar de cantareiras e pandereteiras, monicreques, gaiteiros ou teatro de rúa. Unha programación para todos os gustos e idades que, mesturando coa oferta gastronómica das tabernas tradicionais, son o segredo do éxito dunha celebración que está máis viva ca nunca. “É a maior expresión da cultura galega que leva dende 2002 poñendo en valor a nosa cultura, os nosos oficios tradicionais e o propio burgo de Vilanova”, dixo na súa intervención o deputado provincial Pablo Pérez.

Antes do xantar, nas carpas nos campos da igrexa ou escapando do sol baixo os carballos das fincas privadas, veciños e visitantes se congregaron na Praza Maior para presenciar a danza gremial en honra da Virxe do Cristal da man dos Danzantes de Vilanova. O baile foi o colofón do acto institucional no que se fixo entrega do premio honorífico “Adolfo Enríquez” a familia de José Gómez Vázquez. Un galardón a título póstumo ao que fora médico e activista cultural na vila, recollido polos seus netos, fillos das súas herdeiras María Luisa e María Victoria. “Estamos moi contentos”, comentaba José Manuel Abelairas Gómez, neto do homenaxeado, que amosaba orgulloso aos seus a peza escultórica obra de Leandro Sánchez. “Era obrigado que este ano o premio o recibise a figura dos médicos rurais”, dixo o alcalde de Celanova, Antonio Puga, quen o fixo extensible “o sector sanitario que nestes dous últimos anos deu o mellor de si para coidar de todos nós”.

O acto, no que tamén se presentou o selo de Raigame da Asociación Filatélica Miño, contou coa participación dunha representación institucional da cámara lusa de Santo Tirso, municipio irmanado fai agora 30 anos con Celanova pola figura de San Rosendo. Os vareadores Jose Pedro Gonzalo e Ana María Pereira, quedaron impresionados pola actividade e dinamismo da romaría a que anunciaron a súa intención de volver en futuras edicións con artesanía e música tradicional lusa.

Te puede interesar