CELANOVA

Rebulir esgota os pases para a súa nova proposta

20190425202807769_result
photo_camera Ensaios do espectáculo no auditorio Ilduara.

"Os ollos de Miss Margaret" fai un percorrido pola Galicia dos anos 20

A comarca de Celanova agarda a chegada de este sábado coa máxima expectación porque será entón cando o colectivo de cultura tradicional Rebulir faga estrea da proposta na que leva traballando preto de ano e medio. "Os ollos de Miss Margaret" é un espectáculo multidisciplinar que levará ó escenario do auditorio municipal Ilduara a historia dunha estudiante de minerais que aterra na Galicia dos anos 20 para descubrir unha cultura sorprendente. 

"É unha historia de semificción, baseada en feitos reais", explica o director de Rebulir, Alexandre Sotelino, que parte da vida de investigadores como Ruth Matilda Anderson. Cos nervios e a ilusión propios dun espectáculo novidoso, os membros da agrupación pretenden con esta iniciativa "dar un salto máis alá" do que estaban facendo ata agora.

En total, son 71 as persoas implicadas no proxecto, entre os membros de Rebulir e os das compañías teatrais de Vilamarín e Arunrun. Todos eles apuran os últimos ensaios para que todo saia ben, pois esta ambiciosa iniciativa supón "outras aspiracións e outras dinámicas" diferentes ás que están acostumados, explica Sotelino.

As entradas para "Os ollos de Miss Margaret" están esgotadas dende a pasada fin de semana, un dato que superou as expectativas da organización. Unha vez estreado, agardan poder levalo a outros puntos da xeografía galega, así como ó resto de España e Portugal.

Te puede interesar