Cultura

Rebulir levará a esencia do folclore a todos os fogares

Alexandre Sotelino, Mª Luz Fernández, Nelson Quinteiro, Marisa Vázquez e Rosendo Fernández (ADELA OTERO).
photo_camera Alexandre Sotelino, Mª Luz Fernández, Nelson Quinteiro, Marisa Vázquez e Rosendo Fernández (ADELA OTERO).
A pandemia mudou o formato do festival, pero non as gañas de reivindicar a cultura dende Ramirás

Aausencia de público será unha das principais novidades do Festival Internacional Rebulir que, adaptándose aos tempos, dende hoxe e ata o domingo desenvolvese en diferentes escenarios de Celanova, Ourense e Ramirás da man da Asociación Cultural Rebulir. 

A gala do sábado no polideportivo do Picouto segue a ser o prato forte da programación na que, ademáis do colectivo anfitrión (Rebulir), subirán ás táboas do escenario As Armadanzas, os mariachis Noches de Ronda, o grupo Gospel Vida, Son Real e Pelepau. O artista multidisciplinar Nelsón Quinteiro será o mestre de cerimonias dun certame que se poderá seguir en directo a través de diferentes canles multimedia, como o Youtube do FIR e as páxinas de La Región, GaliciaAberta e Deputación, así como dende unha pantalla xigante no centro cultural do Picouto con aforo para 25 persoas. 

Na súa presentación no Marcos Valcárcel, o director artístico do festival, Alexandre Sotelino, fixo referencia á "cultura como vacina ante a tristeza, ante a aprehensión, que estamos a sufrir derivada desta situación pandémica. A cultura é unha forma de rir, de emocionarse e de sentir, que conleva poder levar mellor estes días, sobre todo no rural. Por iso, imos intentar que os veciños, aínda que sexa de xeito virtual, conecten uns cos outros e fagan aínda máis pobo". No transcurso da gala, ademáis de varias sorpresas, farase entrega dos premios "Rebulir da Cultura Galega 2020" a Mercedes Peón, Fina Calleja e a Banda de Música de Vilanova dos Infantes, cunha renovada figura feita polos alumnos do centro de educación especial Manuel López Navalón de Santiago.

A programación, que conta co apoio da Xunta, Parlamento de Galicia, Consello da Cultura Galega, Deputación de Ourense, os concellos de Ramirás e Celanova e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, inclúe obradoiros virtuais, concertos e actividades na rúa como a exposición fotográfica "XV anos de FIR" en diferentes espazos de Ramirás. Todo seguindo as medidas de prevención ante a Covid-19. 

O vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández destacou esta edición do festival como "unha campaña de consumo local" dada a procedencia dos grupos. Pola súa banda, a xefa territorial da Consellería de Cultura, Luz Fernández, fixo fincapé en que "fai falla a cultura porque non é só lecer, tamén é memoria e coñecemento, que permite abrir xanelas que dean conta da importancia da educación social e o de qué máis noso". A tenente alcalde do Concello de Ramirás, Marisa Vázquez, rematou a quenda de intervencións, subliñando "a honra que supón para o concello contar con este grupo de xoves que conseguen situar Ramirás e á súa xente no mapa, contribuíndo á redución da desigualdade social".

Te puede interesar