CULTURA

Ramirás latexará tradición no Festival Internacional Rebulir

A asociación cultural, co respaldo das distintas institucións, presentou o cartel dos catro días festivos

"Latexando tradición" é o solidario lema da décimo terceira edición do Festival Internacional Rebulir de Ramirás que este xoves se presentou en Ourense nun xesto solidario cara a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue que terá un posto informativo no recinto do festival. O encontro, que trata de achegar mostras da cultura e tradición de catro países, terá a súa gala central mañá sábado ás 19,00 horas no polideportivo de O Picouto, pero os actos xa comezaron onte e seguirán hoxe na escola infantil, no colexio, no centro de maiores e en varios establecementos hostaleiros.

A Asociación Cultural Rebulir, co apoio de distintas administracións públicas galegas, é a organizadora do festival que trata de chegar a todos os tramos de idade "e a todos os recunchos de Ramirás", subliñou o director artístico do festival, Alexandro Soteliño, quen destacou desta edición a participación de Ce-Orquesta Pantasma como presentador, así como o espazo reservado para persoas con mobilidade reducida, "xa que non queremos que ninguén quede sen empaparse de folclore", dixo.

Seis agrupacións, ademáis dos anfitrións, participarán na gala central representando o folclore cántabro, castelán, valenciano, luso, mexicano e guineano. Á gala acudirán tamén os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2018: Carlos Blanco, Guadi Galego e Raigame.

Te puede interesar