Celanova

A rede recompilou os mellores recordos da bela Raigame

Celanova

Romería

A rede recompilou os mellores recordos da bela Raigame

Unha das imaxes colgadas na rede con cancelo #Raigame2020.
photo_cameraUnha das imaxes colgadas na rede con cancelo #Raigame2020.
Os participantes da romería etnográfica compartiron imaxes de edicións anteriores ou das comidas que festexaron onte

Os veciños de Vilanova dos Infantes sentíronse un pouco orfos onte, ao non poder compartir cos demais celanovenses, e milleiros de visitantes de toda Galicia, a festa da cultura galega que, cada 17 de maio, celébrase no seu burgo medieval. As rúas estaban baleiras e nas prazas non había quen bailase nin cantase ao son de gaiteiros e pandereiteiras na que ía ser a edición número 19 de Raigame. 

Os momentos do bulicio e a masificación das edicións anteriores substituíronse polas accións dos cibernautas que, ao longo do día e seguindo a convocatoria da organización liderada polo Concello de Celanova e a Deputación de Ourense, encheron as redes sociais con instantáneas de edicións anteriores. Dos arquivos virtuais dos fieis a Raigame saíron ducias de instantáneas, desde aquela primeira e chuviosa romaría do 2002 ata a do ano pasado, que  contou coa salvaxe presenza das razas autóctonas galegas, sen faltar o recordo da que non se celebrou no 2015 polo fatal crime do párroco Adolfo Enríquez, e onde desapareceu a talla da Virxe do Cristal. Pousando con alegría ou "cazados" pola cámara -ou o móbil nas últimas edicións-, familias e grupos de amigos gozaban da esencia desta bela romaría contemporánea. Pero tamén houbo quen acordou, respectando o establecido no estado de alarma, festexar de "dez en dez" unha Raigame máis íntima e familiar con polbo, churrasco e empanada. Entre os que utilizaron o cancelo # Raigame2020 para festexar o Día das Letras estaban agrupacións e artesáns asiduos á romaría como Lembranza Solpor, Rebulir, Pandeireteiras Celavella ou Elena Ferro.