A Romaría Raigame volve, distinguindo á medicina

Danda da Virxe do Cristal polos Danzantes de Vilanova nunha edición previa a pandemia.
photo_camera Danza da Virxe do Cristal polos Danzantes de Vilanova nunha edición previa a pandemia.
A música, o teatro ou os postos artesanais animarán o burgo medieval

A alborada polas rúas de Vilanova dos Infantes da man da Escola de Gaitas do Concello de Celanova anunciará hoxe, as 11,00 horas, o regreso de Raigame. A romaría etnográfica organizada polo Concello de Celanova e a Deputación de Ourense volve ao seu formato tradicional despois de dous anos de pandemia.  Ao longo do día, as prazas e rúas do burgo medieval acollerán exhibicións de baile e música tradicional, teatro de rúa, monicreques, pases documentais e o desfile de centos de persoas ansiosas de poder desfrutar dunha festa que escenifica a esencia das vellas romarías no Día das Letras Galegas.

A programación, na que participan decenas de agrupacións culturais e máis de medio cento de artistas, artesáns e hostaleiros, incluirá actos entre as 11,00 e as 19,00 horas, destacando ás 13,30 horas na Praza Maior, a entrega do premio honorífico “Adolfo  Enríquez”, a título póstumo, a José Gómez Vázquez, que fora médico da vila e activista cultural. Precisamente a figura do Médico Rural, personaxe imprescindíbel dentro da sociedade galega nun tempo no que o sistema sanitario das nosas aldeas era máis que deficiente, será o eixo central da romaría e protagonista da exposición que presentará o Museo do Médico Rural de Maceda. Tamén haberá mostras e exhibición de gando, xogos populares e os concursos da romaría nas modalidades de fotografía, investigación etnográfica e micro-vídeos.

Entre as novidades desta edición está a incorporación do lavadoiro, recentemente acondicionado polo Concello, como escenario dalgunha das actuacións previstas ao longo do día. Ademáis, a biblioteca municipal de Celanova participará  facendo unha liberación de libros en galego en diferentes lugares.

Te puede interesar