reportaxe

Século e medio dos versos con forma de voz dun pobo

Curros Enríquez, na súa mocidade.
photo_camera Curros Enríquez, na súa mocidade.
A famosa "Cántiga" que Curros Enríquez escribiu sendo un adolescente cumpriu o pasado mes de xuño 150 anos, tempo no que se ten convertido nunha canción popular coa que o colectivo dos emigrantes síntese moi identificado.

Aínda non cumprira Manuel Curros Enríquez os 18 anos cando do seu maxín comezaron a xermolar uns versos que o pobo acabaría por facer seus ata o punto de conseguir que a autoría quedase nalgún momento difusa. Foi a primeira vez que o autor empregou o galego para facer poesía e diso hai xa 150 anos. Curros chamoulle "Cántiga" pero o propio pobo, ó sentirse tan identificado con ela, acabouna modificando para que os versos da emigración definisen a historia que eles estaban vivindo. 

"No xardín unha noite santada", escribiu Curros Enríquez cando estudiaba Dereito en Madrid. Era o ano 1869. Ós versos foille dando ritmo o seu amigo Cesáreo Alonso Salgado e, máis adiante, José Castro "Chané". A súa publicación fíxose agardar ata 1880, momento no que saíu "Aires d'a miña terra", un volume que acadou grande éxito e que o converteu nun dos tres escritores do Rexurdimento da lingua galega. Foi aí cando a "Cántiga" chegou ó pobo, nun momento no que a emigración era case a única saída para matar a fame. Os versos de Curros contan a historia dunha parella separada pola partida del cara ó outro lado do océano, historia que naquel momento era tristemente habitual. Pero, como os que emigraban non tiñan xardín, ese primeiro verso modificouno a xente e cambiouno polo popular "Unha noite na eira do trigo". 

Así, nestes 150 anos, a "Cántiga" que Curros escribira sendo un adolescente e cando a emigración cara Cuba aínda non chamara á súa porta, foise convertendo nun dos poemas máis afamados da literatura galega. Xunto con Rosalía e Pondal, a poesía de Manuel Curros Enríquez é un dos grandes referentes dos versos galegos. 


Unha canción popular


"É a nosa canción", din os emigrantes e poucos hai daqueles que partiron de Galicia que non sexan quen de recitala case de principio a fin. Pero non todos son conscientes de que están cantando as letras de Curros. Porque a "Cántiga" foi deixando nestes 150 anos de ser un poema para converterse nunha canción popular, mesmo durante a propia vida do autor. Recollen os libros que nunha ocasión o poeta recoñeceu os seus versos nos cantos dos galegos e, ó preguntar por eles, a resposta foi: "É unha canción popular". 

Son incontables as versións que se teñen interpretado destes versos. Artistas como Los Tamara, Rosa Cedrón ou a práctica totalidade dos conxuntos corais de Galicia incluíron a "Cántiga" nos seus repertorios. Cada un entendeuna dun xeito, aportándolle máis ritmo ou máis sentimento, pero sempre coa música de Chané como base. Sen dúbida, é un dos temas que máis ten soado en Hermandades e Centros Gallegos ó redor do mundo e con el medraron xeracións de fillos e netos da diáspora. 

O himno dos galegos no exterior celebrou o seu 150 aniversario o pasado 5 de xuño. Un século e medio no que segue latendo coma o primeiro día ese "amor celestial, verdadeiro" co que Curros lle deu voz a todo un pobo.

Te puede interesar