entrevista

“Sempre dixen que se cunha multa salvaba unha vida, valíame"

José Manuel Bugallo
photo_camera José Manuel Bugallo, no patio de butacas do auditorio Ilduara. (C.P.)
José Manuel Bugallo despedirá este venres unha vida profesional adicada ó servizo público

En 1980 ingresou no corpo da Policía Local de Celanova, onde exerceu como axente ata que unha luxación nun xeonllo o levou a solicitar a segunda actividade como funcionario. Así chegou en 2013 ó auditorio municipal Ilduara de Celanova, onde se encargou de supervisar o mantemento e actividades do edificio. 

Agora que conclúe o seu traballo como funcionario municipal, que valoración fai?

Fago unha valoración moi positiva. O negativo hai que deixalo a un lado. 

Cambiou moito o funcionamento do Concello dende que empezaches?

Cambiou. Antes había menos medios que agora e iso é o que máis se nota. Ó principio non tiñamos vacacións, nin días libres, nin nada. Traballabas todo o día. E non tiñamos coche patrulla, tiñamos que usar os nosos particulares ou patrullar a pé, pero iso tamén te fai andar cos sentidos máis alerta.

Como Policía, diría que Celanova é un sitio tranquilo?

A época máis conflictiva quizais foi a década dos 80. Era cando había máis roubos, sobre todo a negocios. Había moita droga e iso facía que atracaran moito as farmacias. A primeira vez que fun a un altercado levaba tres meses e montouse unha batalla campal na Praza Maior. Estabamos eu e o Julio de servizo de tarde e formouse unha tremenda. Houbo uns insultos entre xente que estaba tomando algo no Espolón, un tiroulle unha colilla dun cigarro a unha muller e iso foi o detonante. Eu estaba empezando.  

Como foi o cambio dende a Policía para o Auditorio?

Tiven unha luxación nunha rodilla. Cando me recuperei da operación, solicitei a segunda actividade e, como non tiñan xente para a biblioteca, viñen para aquí. Cando se cubriu esa praza, quedei no auditorio. É outra experiencia, quizais máis tranquila e sosegada. Aquí non hai ningún problema. Pero o outro tamén era un traballo agradecido. Aquí no auditorio sempre tiven compañeiros marabillosos. 

Cal é a principal anécdota que leva de todos estes anos?

Unha que me fixo moita ilusión foi unha vez que estaba no turno de noite e un emigrante de Suiza díxolles á muller que eu fora o que axudara a nacer ó fillo. Foi unha das satisfaccións máis grandes que tiven. Casi tiven que atender o parto. Ó tempo non había ambulatorio e ás veces tocábanos axudarlle ó médico a coser algunhas feridas. Era un traballo moi animado (risas). 

Que proxectos ten para a xubilación?

Pois penso dedicarme á pintura, a camiñar, que tamén me gusta moito. E tamén algo de horta. 

Seguirá vindo ó auditorio, aínda que só sexa de espectador?

Penso que si. E a facerlle algunha visita á biblioteca. Vou botar de menos moitas cousas, os compañeiros.

Quédase coa policía ou co auditorio?

A policía gustábame moito porque estabas ó servizo do cidadán. Sempre dixen que se cunha multa podía salvar unha vida, xa me daba por satisfeito. As cousas non se fan por capricho, nós somos os encargados de aplicar a lei. A policía ten que dar exemplo porque somos o espello máis directo do Concello. E o auditorio tamén me gustou. Cando viñen para a biblioteca tiven que aprender ata a colocar os libros. Tiven que aprender a colocar as luces, facer de técnico de son... Todo son experiencias.

Te puede interesar