PATRIMONIO

Unha tala de madeira destroza os restos dun castro en Entrimo

Castro Entrimo1_result
photo_camera Rastro que deixaron no castro os camións que entraron ao monte a retirar a madeira.

A Dirección Xeral de Patrimonio elabora un informe para coñecer o alcance dos danos provocados

Os labores de extracción de madeira que se están realizando na parroquia da Illa en Entrimo acabaron por destrozar uns restos castrexos na zona. Así o denunciaron un grupo de veciños ó descubrir derribada parte da muralla que rodea a edificación prerromana e das antigas vivendas circulares, que figura tanto en Patrimonio como no PXOM de Entrimo como "O Gargalado/O Convento". Segundo explica o arqueólogo David Pérez, trátase dun castro "catalogado e recollido no plan de protección de Entrimo", polo que "alguén debería informar á empresa encargada de retirar a madeira -neste caso Finsa- da súa importancia". David Pérez foi unha das persoas que primeiro observou os desperfectos durante un paseo pola contorna ó ver que "fixeran unha pista rebentando o castro pola metade". 

Os traballos que se desenvolven na actualidade e que, segundo a empresa, "xa están rematando", supoñen a retirada da madeira resultante do incendio que calcinou 2.800 hectáreas o pasado verán, e foron encargados pola comunidade de montes, propietaria dos terreos. "Urxe sacar esa madeira de aí porque está queimada e pode afectarlle ó chan", conta David Pérez, se ben non entende este tipo de agresións "sen sentido" sobre o patrimonio. Todo apunta a que se trata dun baleiro de xestión entre a Consellería de Cultura, encargada de protexer o castro, e a de Medio Rural, ente que outorga os permisos de tala da madeira.

En fase informativa

David Pérez lembra que "os traballos de limpeza que se desenvolveron despois do incendio tiveron control arqueolóxico por parte da Xunta e non se produciu ningún tipo de alteración no xacemento", a diferencia do que está ocorrendo agora. Ante esta situación, o grupo de veciños que denunciou os danos no castro do Gargalado agarda que "tomen as medidas oportunas". Tendo en conta que a situación se descubríu a pasada semana, esperan que se investigue nas próximas semanas.

Tanto a delegación de Patrimonio como o propio Concello de Entrimo teñen xa coñecemento dos desperfectos. O departamento da Xunta ten actualmente en proceso de elaboración un informe que lle permita coñecer o alcance dos danos e a posible solución. "En función diso, actuaremos", explicou o responsable do Servizo de Patrimonio Cultural en Ourense, Alfredo Seara. Polo momento, "estamos en fase informativa", puntualizou. Pola súa banda, o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, asegura que tamén recibiu a noticia por parte dos veciños e que trataron de poñela en "coñecemento de Seprona e as autoridades competentes". Alonso laméntase desta situación entendendo que "a existencia do castro tiña que terse feito constar á hora de outorgar a autorización".

No outro lado, dende Finsa aseguran contar con tódolos permisos pertinentes por parte da Consellería de Medio Rural, que "non nos informou de que se tratase dunha zona protexida". Os responsables da extracción da madeira inciden en que obtiveron a aprobación para o plan de cortas presentado no organismo autonómico e engaden que a zona carece de calquera tipo de sinalización dos restos arqueolóxicos.

O único castro inventariado na parroquia da Illa

Como consecuencia do incendio que sufriu Entrimo o ano pasado,  "desapareceu parte da vexetación e o castro quedou máis á vista". David Pérez, arqueólogo e veciño da Baixa Limia, explica que a estructura se fixo máis visible a raíz da desaparición da arboleda. Hoxe é, ademais, visible unha pista de acceso á arboleda que atravesa o xacemento pola metade. O dano, segundo David Pérez, é "reversible ata certo punto", posto que  "habería que reconstruír a muralla", que foi a parte máis afectada polos traballos de extracción de madeira que leva a cabo Finsa. 

Te puede interesar