Entrevista, novos retos para os concellos

Teresa Barge: “É moi difícil atender os servizos co financiamento que temos actualmente"

teresabarge2_result
photo_camera Teresa Barge no seu despacho do concello.

 Do BNG ao PP sen mudar de alcalde, neste caso de alcaldesa, nin os proxectos de desenvolvemento sustentable para A Bola.

 Do BNG ao PP sen mudar de alcalde, neste caso de alcaldesa, nin os proxectos de desenvolvemento sustentable para A Bola. María Teresa Barge revalidou a súa maioría absoluta nas pasadas eleccións e sigue traballando coa mesma meta de conseguir xerar emprego e atraer poboación ao rural.

Notouse no día a día o cambio de siglas no concello?
Eu noto aos veciños igual ca sempre, coa mesma colaboración e a mesma complicidade. Creo que a confianza nos foi renovada de novo e eso sempre é un pracer. A nivel institucional estamos facendo moitas xestións, con respostas interesantes para os proxectos que temos. 

En anteriores gobernos conseguiuse a residencia, a escola infantil, o mercado de Cacabelos... será tan ambiciosa para estes catro anos?
Si, e máis! Eu creo que cada día somos máis ambiciosos porque eso vai un pouco no noso ADN e porque cremos que é o que lle debemos aos veciños. Quero remarcar que o Concello ten unha línea de actuación, temos un proxecto con unha perspectiva a  20-25 anos de fixar poboación activa, de formación, de voluntariado, de redución do gasto en enerxía eléctrica e de aposta polas renovables e polo medio ambiente, con esta gran declaración que temos de Reserva da Biosfera.

Como foron estes meses?
Case non houbo parón. Estivemos traballando para desenvolver os proxectos que tiñamos en marcha. Un dos máis importantes foi o obradoiro de emprego medioambiental. Queremos facer da área recreativa do río Ourille un espazo de boas prácticas medioambientais e de fomento da reciclaxe, tanto no verán, cos usuarios da praia fluvial, como ao longo do ano, coa posta en marcha dunha especie de escola de formación e organizar visitas guiadas cos colexios. Logo hai outras actuacións que sempre son básicas nun concello como a mellora dos servizos públicos e seguir traballando en temas de saneamento e abastecemento de auga e de aforro enerxético. 

Que proxectos ten para este novo mandato?
Imos poñer en servizo en xaneiro do 2016 un transporte público municipal adaptado, que é un dos grandes problemas que temos no rural. Polo menos tres veces á semana, haberá unha ruta ata distintos puntos do concello: centro médico, oficinas municipais, tendas, bares e coordinado coas paradas do transporte das liñas concesionadas. Outro proxecto será potenciar Protección Civil, con máis xente formada e activar un servizo de atención de emerxencias as 24 horas. Agora mesmo o voluntario é unha figura que non está moi vixente nos concellos e queremos fomentala, así como a participación cidadá. O Concello, a parte de unha institución representativa, é un territorio común de todos e, na medida que todos sexamos partícipes e colaboremos, conseguiremos optimizar resultados.

Nun concello rural, a administración ten que facer de todo?
Si, supoño que si. Pero iso forma parte do encanto do cargo. O que eu creo é que os concellos deberíamos ter cartos para poder atender todos eses servizos. Ese é o gran problema neste momento, non temos financiamento suficiente para atender as necesidades. Na Bola temos que recoñecer que freamos o decrecemento poboacional e agora hai que fixar poboación, especialmente poboación activa, e aí si que necesitamos a colaboración doutras administracións para facer do rural un lugar atractivo: apoio aos emprendedores, aos autónomos, ás iniciativas rurais.

E como se fai?
Eso é moi difícil, pero debo decir que a autovía AG-31, a de Celanova a Ourense, axuda bastante. Dende que estamos no goberno, o Concello ten unha páxina web onde dinamiza a compra-venta de casas nos pobos e estamos traballando coas xornadas medioambientais, que este ano celebrarán a súa terceira edición, e nas que trataremos de fixar ás bases para crear unha asociación de productores de castañas.

A  residencia foi un proxecto importante nese sentido?
Si, porque supón o cuidado dos nosos maiores, que para nós é prioritario, pero tamén emprego para a xente moza, especialmente para as mulleres. Nesta línea, estamos traballando para dotar no 2016 dunha nova escaleira na parte traseira do edificio, que nos permitirá solicitar a ampliación de plazas ata as 56 que ten capacidade. Agora mesmo temos 24 maiores e oito traballadores directos.

Como están as arcas municipais?
As arcas municipais sempre están necesitadas de máis investimentos e de máis financiamento e o noso obxectivo está en subir o orzamento con investimentos doutras administración. Hai  que gastar adecuadamente, pero hai que gastar porque é moi difícil atender os servizos co financiamento que temos actualmente os concellos. Nós sempre defendemos e seguiremos defendendo que a achega dos tributos aos concellos deberían ter en conta o envellecemento da poboación e a dispersión, porque resulta moi caro dar os servizos básicos con esta situación.

E a débeda?
Temos un préstamo de investimento patrimonial a dez anos, do que levamos dous, duns 800.000 euros para pagar as achegas municipais correspondentes ás moitos investimentos que se fixeron nestes anos e que ascenderon a máis de 2,18 millóns de euros (residencia, escola infantil, mercado municipal, compra de terreos para o centro de menores e mercado, ampliación consistorio,...) Isto supón unha débeda do 18% do orzamento municipal que é perfectamente asumible e que ademáis, non é unha débeda para os veciños como se dixo nalgunha ocasión, senón un incremento do patrimonio municipal de máis de tres millóns de euros. En ningún momento endebedouse ás corporacións futuras, posto que coa venda dun só edificio municipal liquidaríase o préstamo.

Cal é a súa asignatura pendente?
Gustaríame sacar adiante o plan xeral de ordenación municipal. Estamos cos últimos informes da Confederación Hidrográfica e eu creo que no primeiro semestre do 2016 debería estar aprobado definitivamente. Outro dos obxectivos é desenvolver un estudio para mellorar a calidade das augas de todo o río Ourille dende o seu nacemento. Intentaremos que a calidade da auga sexa óptima, excelente, e que non haxa ningún vertido en ningún concello. E non me quero esquecer das instalacións deportivas, queremos mellorar o estado do campo de fútbol e que se fomente o deporte a tódolos niveis. 

Te puede interesar