Todo listo en Vilanova para festexar este venres a romaría Raigame

Postos en Vilanova.
photo_camera Postos en Vilanova.

Os campos están segados, as casetas instaladas e os baixos do burgo medieval, dispostos para recibir neste 17 de maio a artesáns e visitantes, con motivo da romaría Raigame. Vilanova dos Infantes será hoxe o punto de encontro de veciños chegados desde diferentes puntos da xeografía galega para revivir as esencias das antigas romarías.

Desde as 11,00 horas poderanse gozar das actuacións de música e baile tradicional, as exposicións e demais espectáculos dispostos pola organización, conformada polo Concello de Celanova e a Deputación a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo. A programación, que se sucederá ata as sete da tarde incluirá máis de 23 agrupacións de música e baile chegadas de toda Galicia e Portugal, do mesmo xeito que os 120 artesáns que ofrecerán os máis variados artigos e produtos gastronómicos, nunha edición moi doce, que renderá homenaxe aos doces e a repostería tradicional.

Varias serán as novidades desta edición, como a sesión vermú que amenizará a Banda de Música de Vilanova ás 13,00 horas nos Campos da Igrexa, a actuación dos Bolechas ás 16,30 e 17,30 horas na praza do Castelo ou as visitas guiadas con “ViaxaMos no Tempo” ao redor dos oficios dos canteiros.  A entrega do premio Adolfo Enríquez ás irmáns Isoliñas será ás 13,30 horas, seguido dos danzantes de Vilanova.

Te puede interesar