CELANOVA

Traspásase batuta aos 91 anos

20190709190219824_result
photo_camera A coral do Centro Social, con Manuel Fernández como director, nunha actuación na igrexa de San Salvador.

Os días de Manuel Fernández teñen estado acompañados dun ou doutro xeito pola música. Dende hai 30 anos dirixe a coral do Centro Social e ten previsto gardar a batuta co tradicional concerto que ofrecen cada mes de agosto.

Con 12 anos, Manuel Fernández empezou a tocar o clarinete na banda de Valongos, o seu pobo en Cortegada. Dende entón, a música foi acompañando todos e cada un dos pasos que deu na vida. Así segue sendo agora, con 91 anos. "Non paro, compoño para algúns grupos e sempre estou facendo arranxos musicais no ordenador". Son casi 80 anos adicados a unha paixón que o levou, hai agora 30, a formar a coral do Centro Social de Celanova. 

Manolo de Fenosa, como é máis coñecido na vila, ten previsto gardar a batuta en agosto, no tradicional concerto que a agrupación ofrece cada ano polas festas patronais. "Os ósos xa non me axudan", explica. Pero deixar a coral non significa deixar a música, que o ten acompañado na vida e que lle ten aportado "moitas anécdotas". Desde Cortegada, o clarinete levouno ata as oposicións de músico de terceira de Infantería Marina, pero "a vida militar non me gustou". Foi por iso que voltou á súa comarca natal e, sen deixar nunca de tocar, comezou a traballar na central eléctrica do Deva, unha presa que hoxe permanece baixo as augas do embalse de Frieira. De aí, "ingresei con 21 anos na General Gallega de Electricidad", unha compañía que cos anos se integrou en Fenosa. "Levaba toda a luz dende Ourense ata a fronteira de Portugal, 18.000 aboados", lembra Manolo. 

A súa paixón polos compases e partituras converteuno en presidente da Banda de Música de Celanova durante 14 anos. Desta época conserva tamén anécdotas como aquela na que "conseguín levalos gratis a Venezuela porque a compañía regalábame un billete para un músico por cada 10 viaxeiros que lle conseguira, así que percorrín toda Galicia buscando xente que quixera viaxar". Dende a presidencia, percibiu que a banda precisaba algún baixo, así que "aprendín o instrumento en tres meses e estiven tocando en Celanova cinco anos, despois contratáronme noutras bandas porque todas tiñan carencia del". 

Ó mesmo tempo, "empecei a dar clases de música a maiores e conseguín formar un grupo que facíamos baile os domingos no Centro Social". Concluída esa etapa, a día de hoxe aínda continúa impartindo clases de acordeón na casa. "Dou clase de tódolos instrumentos", puntualiza.

A frenética actividade de Manolo de Fenosa non ten diminuído neste tempo, nin tampouco ten intención de parar agora que deixa a Coral. Foi tamén tenente alcalde, formou un grupo de teatro, participou nos consellos escolares e no equipo de fútbol. "Todo son experiencias". E como unha experiencia tomouno tamén cando a directora do Centro Social de Celanova lle propuxo formar unha coral que lle reportou "moi bos tempos" e o levou a viaxar por toda Galicia e o norte de Portugal. "Hoxe somos poucos porque a xente non quere participar", magóase Manolo. Para el, a música é vida, menos a de agora, a moderna. "Eu chámolle ladróns da música porque de música non fan nada".

Te puede interesar