ENTREVISTA

"Ás veces é duro analizar as mostras forenses, pero alguén o ten que facer"

CAROLINA
photo_camera Iván Álvarez é doutor en Química pola Universidade de Santiago.

O celanovense Iván Álvarez foi o primeiro químico en chegar ó Instituto de Ciencias Forenses

O celanovense Iván Álvarez foi o primeiro químico en chegar ó Instituto de Ciencias Forenses, onde leva unha década dedicado a investigar as substancias que interfiren en mortes sospeitosas de non terse producido por causas naturais. Son moitos os casos nos que ten traballado, se ben estes días volve estar de actualidade pola súa aparición nun documental emitido a nivel estatal que narra a investigación sobre o asasinato de Asunta Basterra. 

Cal é o seu papel dentro do Instituto de Ciencias Forenses?
O Instituto ten unha sección de Xenética, outra de Patoloxía e dúas de Tóxicoloxía. Eu estou na de Toxicoloxía Forense, onde nos encargamos de tódolos temas xudiciais. A outra parte de Toxicoloxía son os encargados de todo o relacionado coas mostras do Sergas e de Tráfico. Na parte xudicial dedicámonos a facer análises forenses sempre que o médico o solicita a raíz dunha autopsia. 

O departamento de Toxicoloxía volve estar de actualidade coa emisión dun programa a nivel estatal sobre o caso Asunta. Como foi aquela investigación?
Foi unha análise que fixemos bastante rápido. Foi relativamente áxil porque o fármaco que empregaron para durmila detectouse moi ben no pelo, pero en realidade tódolos casos teñen certa complexidade.

Recibides máis presións ó tratarse de casos mediáticos?
Nese caso non porque ata que entregamos o informe non se sabía que as probas se estaban facendo en Santiago. Non tivemos o tipo de presión que hai nos xulgados cos medios de comunicación na porta.

Aínda que a vós chegan só mostras e non tedes que ver os corpos, estades tratando con seres humanos que pasaron por unha situación pouco agradable.

Algún asasinato en Galicia sempre hai, aínda que non sexan moitos. Pero ó ser nenos sempre impacta máis. Ás veces nese sentido é un traballo un pouco duro que require paciencia. Recibimos mostras tódolos días porque traballamos para as sete subdireccións do Imelga. Pero é un traballo moi bonito no que respecta á parte de laboratorio, de investigación de substancias. Se miras cara atrás, á razón pola que nos chegan as mostras, claro que é duro, pero alguén o ten que facer. É un servizo co que axudamos a descubrir moitas cousas. 

É un traballo idealizado polo que temos visto nas películas?
Si, si. O CSI fixo moito dano. Aí chegan as cousas e ós 20 minutos teñen os resultados. Iso non é así. Unha análise dun pelo pode levarche dous ou tres días dedicándote só a iso. Pero os métodos da televisión son bastante aproximados e os aparatos que usan son os mesmos. De feito, os seus equipos son mellores cós nosos. Entendo que en 50 minutos teñen que resolver un caso complexo, pero fixo moito dano. 

Só traballades con casos galegos?
A parte xudicial si. O Instituto tamén fai peritaxes privadas que poden chegar de toda España. O departamento de Xenética -dirixido por Ángel Carracedo-, por exemplo, si que analiza casos de moitos países porque é pioneiro a nivel mundial.

Te puede interesar