FOTOGRAFÍA

Visita a Vilanova tralos pasos de Ruth Anderson

vilanova_007_result
photo_camera Un momento da visita teatralizada pola historia de Vilanova.

As imaxes tomadas pola fotógrafa estadounidense nos anos 20 serven como fío argumental para un novo xeito de coñecer a historia da vila, á que Baldomero Moreiras lle dedicou un cadro que agora adorna a Torre da Homenaxe.

Durante os anos 20, a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson recibiu a encomenda da Hispanic Society de viaxar a España para retratar a vida daqueles tempo, sendo un dos seus destinos Vilanova dos Infantes. Nove décadas despois, o espírito da fotoperiodista voltou á vila celanovense na procura dos elementos máis simbólicos do lugar. Deste xeito, antigos participantes dos obradoiros de emprego de Celanova recuperaron os pasos da fotógrafa como argumento da primeira visita teatralizada a Vilanova. 

Nesta historia, Ruth Matilda Anderson atópase cun zapateiro ó que lle pide que o leve xunto ó párroco para poder fotografar a Virxe do Cristal. Ata chegar a el, o artesán vilanovense vaise detendo con ela para que capture os puntos máis simbólicos da súa historia. 

A iniciativa do Concello de Celanova pretende seguir así a estela marcada por actividades como a visita nocturna ó Mosteiro de San Salvador ou o xogo de rol baseado no conto Fría Hortensia de Méndez Ferrín. Trátase, segundo contan dende a organización, de outorgarlle unha perspectiva máis lúdica á historia da contorna facendo que os visitantes se mergullen nos acontecementos que foron conformando o carácter do lugar. 

Preludio de Raigame

Vilanova dos Infantes vivirá este mércores un dos días grandes do seu calendario anual coa celebración da romaría etnográfica Raigame. Durante ese día, a vila trasladarase ós costumes de comezos de século con mostra de oficios e folclore tradicionais. Foi precisamente nesa época na que Anderson visitou, coñeceu e retratou un pobo orgulloso das súas orixes. Así o lembraron onte cunha visita guiada que se repetirá o próximo sábado.

Parte desa historia recóllese tamén nun cadro que o artista celanovense Baldomero Moreiras pintou xa no 1994 co poema de Manuel Curros Enríquez como telón de fondo. A "Venus de Vilanova"adorna dende onte a entrada da Torre da Homenaxe. A imaxe representa a unha "rapaza que quedou soa porque o seu mozo tivo que emigrar" e agora contempla con melancolía Vilanova dende un lugar que era especial para os dous. Foi deste xeito como o explicou o autor durante o acto de entrega da obra, no que estivo acompañado polo alcalde, José Luis Ferro, o escritor Xosé Benito Reza e o técnico de Cultura do Concello, Antonio Piñeiro. Moreiras aproveitou para lembrar a figura de Don Adolfo,a quen lle adicou o cadro.

Te puede interesar