ENTREVISTA

"Talvez os nosos fillos sexan quen de devolver o brillo á Galicia rural"

15.05.17.OURENSE.ENTREEVISTA JOSE BENITO REZA.NOVO LIBRO EDITADO.
photo_camera Xosé Benito Reza presenta hoxe, en Celanova, a súa primeira novela.

"Terradentro" é a súa primeira incursión na narrativa, que hoxe presenta na Casa dos Poetas de Celanova, ás 20,00 horas.

Xosé Benito Reza sempre tratou de unir as súas dúas vocacións: a protección da natureza e da paisaxe e a literatura. Leva anos escribindo sobre a súa profesión. Fíxoo, por exemplo, sobre os Ancares, o macizo central ourensán, o río Arnoia ou as paisaxes da fronteira.

“Terradentro" é a súa primeira novela, como xurdiu a idea de lanzarse a esta aventura?

Máis que idea foi case una necesidade. Cando morreron meus pais, sentín, como calquera, non só a extinción dos seres queridos, senón tamén a desaparición dun mundo, o deles, que xa non volvería xamais, coas súas historias, circunstancias e persoeiros, e que todo iso esvaecía de repente.  

De que trata “Terradentro"?

Vai dun avogado dunha vila que se verá enleado, sen pretendelo, en tres historias diferentes, a cada cal máis sorprendente e estrambótica. 

Entón, producirá sorpresa no lector?

Penso que quen lea o libro vai pasalo ben, quizais se lle humedezan os ollos con algúns episodios, pero seguro que con outros van rir.

Ten comentado que nesta novela se mestura ficción e realidade, fantasía e recordos. Ten tintes de autobiográfica?

Os sucesos que narro non aconteceron, inda que sabemos que a realidade supera moitas veces a ficción, e os personaxes son inventados, inda que de vez se poidan parecer a algúns que si existiron. De 370 páxinas só 35, as últimas, son autobiográficas. Non tiña nin idea, cando comecei a escribir o libro, que ía rematalo así.

Custoulle crear esta obra?

Custoume en canto ter que sentarme a escribir durante infinidade de horas, e o que diga que non custa, minte. Pero gocei moito facéndoa, recreando as escenas, imaxinando algunhas persoas que desapareceron da miña vida hai moito e que eu, por un intre pequeno e feliz, resucitei, imaxinando como reaccionarían ás circunstancias do libro.  

Que trasfondo ten a obra? 

A necesidade vital de recrear, que non recuperar, un mundo perdido; e tamén a de descubrir as luces e as sombras dun tempo en que as nosas vilas, como Celanova, Castro Caldelas, Viana do Bolo ou Ribadavia, eran autosuficientes e brillaban pletóricas no universo das aldeas.

Que pretende transmitirlle a aquel que a lea?

Descubrirlle aquel mundo a algunha xente e resucitarllo a outra, e que o pasen ben con esta experiencia. Talvez algún día, non nós pero si os nosos fillos, sexan quen de devolverlle o brillo que tivo a Galicia rural do interior, e escorrentar definitivamente as sombras que hoxe lle comen as entrañas.  

“Terradentro" é a súa primeira novela... ¿Será a última?

Hoxe por hoxe é imposible sabelo... 

Te puede interesar