Xosé Poldras leva a Celanova a súa mostra inspirada na Xeración Nós

Monotipos e gravados forman unha exposición que se pode ver na Casa dos Poetas

A Casa dos Poetas en Celanova acolle unha nova mostra dende hoxe e ata ó 31 de outubro do artista ourensán Xosé Poldras. Baixo o título “Gravados e monotipos para a Xeración Nós”, esta exposición consta de dúas partes: sete monotipos e unha carpeta de con gravados.

Os sete monotipos son imaxes estampadas nunha prensa como acontece co gravado pero sen matriz, polo tanto son debuxos únicos que non se poden reproducir. Os títulos aluden aos pronomes persoais eu, ti, el, ela, vós, eles, elas. Cada un representa metaforicamente o significado da palabra para o autor. Por exemplo o monotipo “ti” representa unha cunca de viño para compartir, pintada con pintura feita polo autor a base da terra do chan da adega familiar, e os restos de limpar o interior dunha cuba; “elas” representa a reunión das anduriñas no fin do verán cando se xuntan para organizar a súa volta migratoria. En cada imaxe hai inquedanzas persoais e sociais.

Cada gravado está composto de xeito que pode presentarse só ou facer combinación cos demais en diversos dípticos, trípticos ou cuatrípicos. Como se explica na introdución da carpeta, esta é unha alusión á globalización actual xa intuída e valorada pola Xeración Nós.

Os monotipos son pouco frecuentes na obra de Xosé Poldras, que case sempre elabora pezas editables, pero si o son as carpetas de gravados, que en case todos os casos van unidos a poemas e algunha incluso foi presentada en Celanova. 

Te puede interesar