entrevista

Xudit Casas: “No audiovisual hai moita discriminación coas actrices pola súa idade"

A cineasta galega, que actualmente reside en Madrid, naceu en Celanova.
photo_camera A cineasta galega, que actualmente reside en Madrid, naceu en Celanova.
A directora presentou o pasado venres o vídeo "Nunca é tarde, nunca" sobre a violencia de xénero

A directora Xudit Casas presentou o pasado venres 15 na súa vila natal, Celanova, o vídeo "Nunca é tarde, nunca" sobre a violencia de xénero, un proxecto enmarcado dentro do Pacto do Goberno contra a violencia. Así mesmo, é autora, entroutras obras, do documental "Amar en libertad", que puido verse recentemente dentro da programación do OUFF 2019. O documental recolle as confesións de persoas expertas nas relacións non monógamas e no poliamor.

Vén de presentar un vídeo sobre a violencia de xénero nas persoas maiores. Que se esconde tralo enfoque da violencia nese tramo concreto de idade?

A tipoloxía de violencias. Non só a física nalgúns casos, senón a violencia psicolóxica, como algo normalizado; a económica, posto que non permite a independencia; a sexual, onde o desexo da muller é ignorado por completo; e as veces a dependencia, no caso de enfermidades ou diversidades funcionais que fai que neste tramo de idade a violencia de xénero e a discriminación sexan múltiples.

Considera que a violencia nas persoas maiores está máis invisibilizada e interiorizada na sociedade?

Si. Sobre todo no rural. A educación cultural sobre este tema baseábase no calar, en xustificar e resignarse ante este tipo de conductas.

No vídeo amósase a actriz Luisa Merelas que, con só a súa voz, transmite moitas emocións e situacións. Por que decidiu xogar só con ese motivo visual?

A produtora Chelo Loureiro e a actriz Mariana Fernández recomendáronme traballar con Luisa Merelas. E non podo estar máis agradecida. No audiovisual hai moita discriminación coas personaxes das mulleres e coas actrices pola súa idade. As cousas teñen que mudar. Gravar con Merelas foi doado, rápido e cun resultado impresionante. O que calquera directora ou director desexa. Por outro lado, tiven en mente a televisión de antaño e a linguaxe audiovisual daquela época, cun ritmo máis lento e menos colorida. En canto ao guión, quería un monólogo directo ao público, que fixera pensar, que emocione, que mostrase a forza da muller galega do rural e, mesmo, con un toque de retranca.

Que obxectivos se esconden tras esta iniciativa?

No persoal escóndese unha homenaxe a Purificación López, a miña avoa materna, que foi modista e deu clases de costura no pobo de Fechas e da que nos despedimos recentemente. Como creadora e muller concienciada coa problemática da violencia de xénero, axudar a que mulleres, e tamén homes, poidan vivir en armonía e disfrutando das relacións. A vida xa é bastante dura como para facernos sufrir unhas persoas ás outras.

De onde provén o seu interese polo mundo do cine e das artes audiovisuais?

Crieime facendo teatro e no instituto coñecín o traballo detrás das cámaras a través do meu profesor e tamén cineasta, Plácido Romero. Enamoreime do arte do cinema. 

Está actualmente traballando nalgún proxecto?

Teño varias ideas na cabeza, e preciso crear como necesidade vital, pero agora aínda non concretei cal será o meu seguinte paso, nin a idea elexida.

Veremos Celanova como escenario dalgún dos seus proxectos?

Celanova e arredores saen en moitos dos meus traballos, pese a que vivo en Madrid. A día de hoxe, familia, amizades, veciñas e veciños, saben a debilidade que sinto pola miña terra. Grave onde grave a miña sangue e sensibilidade é galega.

Te puede interesar