¡Buone visioni!

42 Segundos: O tormento e a éxtase

Imaxe da película 42 segundos.
photo_camera Imaxe da película 42 segundos.

O drama deportivo é un subxénero que regalou auténticas xoias cinematográficas. Privilexiou a deportes como o boxeo, as artes marciais ou o baloncesto. O waterpolo non tivo a mesma fortuna, máis aló dalgún documental ou do alegórico Vaselina roja (2006) de Nanni Moretti. 42 segundos, dirixida por Àlex Murrull e Dani de la Orden, pode considerarse, a partir de hoxe, a película de referencia deste deporte.

O filme reconstrúe a xénese da selección masculina española dun equipo que de 1991 a 2001 fixo historia gañando ouro e prata olímpicas, e dous ouros e pratas mundiais. Pero céntrase, sobre todo, na derrota do 1992, na final dos Xogos Olímpicos de Barcelona onde perdeu contra a Italia de Massimiliano Ferretti – no filme o xogador chámase Filippo. No centro da narración están Manel Estiarte (Álvaro Cervantes) e Pedro García Aguado (Jaime Lorente), os únicos xogadores que manteñen o nome real xunto ao porteiro Jesús Rollán e ao adestrador croata Dragan Matutinovic. E aínda que as vivencias reais da historia deste equipo teñen no filme unha temporalidade diferente, a historia contada polos directores resulta bastante verosímil.

Así no filme como na realidade, para non facer o ridículo nos Xogos, España contratou ó adestrador croata Dragan Matutinovic, un auténtico sarxento de ferro que impuxo uns adestramentos militares ao equipo para fortalecelos fronte á “falta de intelixencia, técnica e resistencia física” que tiñan de sobra os outros equipos. Os adestramentos de Matutinovic, aínda que parecen esaxerados, son retratados con bastante fidelidade. Levaron ó equipo ó límite, tanto a nivel físico como psicolóxico, pero conseguiron reforzar a cohesión entre eles.

Hai unha mensaxe que deixa clara o filme: a única maneira de afrontar xuntos un obxectivo común é o entendemento do outro e o respeto. O conflito maior está personificado polos dous protagonistas, Estiarte e Aguado, encarnación de dúas forma completamente diferentes de entender e desfutrar do xogo e que terán que cohesionar para chegar ata a final. Aínda que os conflitos se resolven entre compañeiros, os protagonistas seguen mantendo os seus momentos de intimidade cando se somerxen debaixo da auga, e nós, como espectadores, somos partícipes dos seus dramas interiores.

42 segundos é unha película que se mete na pel dos xogadores, na mesma auga, para regalarnos momentos de intensidade e agonismo moi logrados. O momento estrela é sen dúbida na última parte do filme, no relato do partido entre España e Italia, onde os directores conseguen transmitir o agonismo e a épica, o tormento e a éxtase deste deporte.

O final é a catarse perfecta dun filme que demostra que a derrota tamén pode ser necesaria para forxar o carácter gañador dun equipo. E no cine, pode resultar máis épica que unha vitoria.

Te puede interesar