¡Buone visioni!

A cero.5

Acero.5
photo_camera Acero.5

A cero.5 de Gonzalo Suárez é un dos filmes galegos que xunto con Escribir o imposible e A virxe roxa formaron parte do programa da Semana Internacional de Cine Autor de Valladolid (Seminci) do ano pasado. Producido por Agallas Films e coescrito polo mesmo director xunto con Paula Cons, A cero.5 é un proxecto autobiográfico e vital. Ao mesmo tempo, é algo que o director sentiu a necesidade de extirpar como un tumor. Medio metro (cero.5) é a altura á que está a cadeira de rodas e o punto de vista do director do filme que acompaña ó espectador durante o documental.

En novembro de 2006, Gonzalo Suárez tivo un accidente que cambiou a súa vida-excepto o seu desexo de chegar a ser en director de cine. Sen deixar nunca de gravar e despois dunha rehabilitación que o Estado daba por rematada, empeza a practicar baloncesto para saír da soidade. En Amfiv, un coñecido club vigués de basket en cadeira de rodas, Gonzalo Suárez atópase coa barreira da competitividade profesional, pero consegue reafirmar a súa vocación de cineasta. Como admite o director ao longo da cinta: “A discapacidade non os cambia nin os fai mellores. Depender dos demais é o que o cambia todo”. E ademais: “Na vida, un loita co fracaso como pode. Eles na cancha e eu na banda”. Cada vez menos xogador e máis observador, Suárez grava os adestramentos, os partidos e as reunións do equipo, coleccionando un making of moi valioso. Retrata o equipo desde o seu punto de vista único e, sobre todo, desde dentro: a espectacularidade dos choques entre as cadeiras, as aparatosas caídas, as acaloradas protestas, o cheiro da goma queimada, a velocidade, a dureza, o estalido das rodas, a enorme competitividade e o compañeirismo.

Gonzalo Suárez consegue condensar en case 80 minutos de filme, máis de 10 anos de material, centenares de horas de diferentes formatos e experiencias. As gravacións caseiras en VHS mestúranse co dixital e a animación. E a voz en off, nunca invasiva, acompaña con discreción ó espectador no proceso creativo da película, e tamén abre portas a diferentes temas dende un punto de vista inédito. A cero.5 é unha película que fala tamén sobre a discapacidade, pero, afortunadamente, ten pouco que ver co macroxénero–moi común na industria yanqui-de “superación persoal”. É un filme transparente, cunha sinceridade que doe. Relata en profundidade, sen autocompasión, as vivencias do protagonista pero tamén hai espazo para outras historias. Están as dos outros xogadores en cadeira de rodas e, sobre todo, a de Pablo Beiro. Este último foi un pioneiro deste deporte, participou nos Xogos paralímpicos de Seúl e foi o presidente do Amfiv de Vigo. O cineasta fai un retrato moi honesto del. A cero.5 é un dos documentais galegos do ano. A partir de hoxe, está dispoñible na plataforma dixital de Filmin. Non o perdades.

Te puede interesar