Un agosto digno dun museo en Ourense

photo_camera Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia.
A programación prevista permitirá gozar de espectáculos de poesía e música, conferencias, exposicións, obradoiros, un campamento e visitas guiadas, ao tempo que se afonda na historia e no patrimonio galego

Os museos xestionados pola Xunta de Galicia en Ourense ofrecen diversas actividades culturais e de lecer para agosto destinadas a todos os públicos. Exposicións, visitas guiadas, conferencias, recitais e obradoiros enchen o mes de propostas en espazos singulares que permiten afondar na historia e no patrimonio galego.

O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle o vindeiro xoves 5 de agosto, ás 20.30 horas, a conferencia Os esgrafiados da Ribeira Sacra, coa investigadora Mar López Sotelo, quen afondará na iconografía deste modo de decoración das fachadas mediante o emprego de cal. O venres 6, ás 21,30 horas, terá lugar o espectáculo de poesía perfomántica Poesía en Riba! Nel participan Fátima Delgado, coa súa perfomance poética e audiovisual Ouveos, e Lúa Mosquetera e Samuel Merino, coa música en directo de Fernán Permuy e Rubén Mosquera, que representarán a perfomance poético musical Pompetera. A entrada é de balde ata cubrir a cabida.

Ademais, ao longo de todo o mes pode visitarse a exposición Les gens dun Chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer, producida polo Museo das Peregrinacións e de Santiago con fotografías de Olga Seoane Paulus. A mostra recolle a tradición vinculada á localidade de Saintes Maries de la Mer, situada no delta do Ródano, onde acoden cada ano milleiros de persoas peregrinas para renderlle culto a Santa María Salomé, Santa María Xacobé e Santa Sara.

Pola súa banda, tamén en Ribadavia, o Museo do Viño de Galicia ofrece o día 26 ás 20,30 horas o concerto de Víctor Aneiros & Fran Rey no marco do programa de catas sonoras que está a desenvolver os últimos xoves de cada mes durante o verán. A actuación terá lugar na terraza, con acceso de balde ata completar a cabida. Outra das actividades previstas por este centro para a segunda quincena de agosto é a exposición As etiquetas do viño en Galicia, con mostras de etiquetas en papel e en botellas de viños galegos que forman parte da colección do museo.

Achega á arqueoloxía

A oferta de actividades amplíase coas propostas do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica, en San Cibrán de Las, para as que cómpre inscribirse previamente. Pódese ampliar información sobre as reservas e os prezos das propostas na web www.pacc.es.

Así, neste espazo hai visitas guiadas diarias, ás 12,30 e ás 18,00 horas para somerxerse na cultura castrexa e coñecer as principais características e curiosidades deste xacemento. Ademais, os sábados 7 e 14 haberá percorridos nocturnos que comezarán ás 23,00 horas. As Perseidas ou Bágoas de San Lourenzo serán as protagonistas o día 14, cun programa específico que arranca ás 21,30 horas cun petisco para posteriormente realizar a visita guiada polo castro e, xa pasada a media noite, a observación astronómica a cargo da Asociación de Astronomía de Ourense.

Tamén se desenvolven a diario obradoiros adaptados para o desfrute de toda a familia, experimentando técnicas e tarefas propias da cultura castrexa. A maiores, a rapazada de 6 a 15 anos ten a posibilidade de participar as mañás dos venres no campamento Litle Lansbrica, de 10,00 a 12,00 horas, no que realizarán percorridos, obradoiros e múltiples actividades relacionadas coa arqueoloxía, o patrimonio e a natureza.

Cómpre sinalar que este espazo ofrece na actualidade nunha das súas salas a exposición Fondos pétreos do Museo Arqueolóxico Provincial, pechado ao público por mor de obras de remodelación. A mostra componse de pezas fundamentalmente pétreas e de gran formato, con temáticas variadas que abranguen o Imperio Romano, o cristianismo ou a arquitectura renacentista en Ourense, entre outras. Así mesmo, o centro museístico dá a posibilidade de coñecer unha panorámica dos seus fondos coa escolma de esculturas instalada na Sala de Exposicións de San Francisco, xunto ao claustro e no que foi a capela do convento.

Visitas guiadas no Arquivo Histórico Provincial

O  Arquivo Histórico Provincial de Ourense tamén se suma á organización de actividades divulgativas no vindeiro mes, con visitas guiadas a partir do día 9. Os percorridos desenvolveranse os luns e os venres ás 19,00 horas, con cabida limitada e unha duración aproximada de 50 minutos. As persoas que se acheguen descubrirán o valioso patrimonio documental de Galicia que custodia este centro nos cinco quilómetros lineais de andeis dos seus depósitos.

Te puede interesar