¡Buone visioni!

Alcarràs

Alcarrás.
photo_camera Alcarrás.

Tras gañar un histórico Oso de Ouro no último Festival de Berlín e pasar triunfalmente por Málaga e polo D’A Film Festival de Barcelona, chega á gran pantalla Alcarràs de Carla Simón. Na súa segunda cinta, a directora catalá mantén a mesma sensibilidade retratando a nenez, así como un gran rigor á hora de achegarse á realidade.

O filme céntrase no que podería ser o último verán da familia Solé en Alcarràs, unha pequena localidade rural de Cataluña. Alí, a familia rexenta unha gran extensión de pexegos por un acordo de palabra que se fixo durante a Guerra Civil. Os froitos xa non son rendibles e o herdeiro legal das terras prefire colocar nas mesmas unhas placas solares. Unha tendencia, a de reconverter as terras cultivables noutras actividades máis rendibles que afectan ó campo en xeral, non só en Alcarràs.

Nesta película, Carla Simón retrátanos a través dun ton exquisitamente naturalista o mundo rural con todas as súas vertentes. En Alcarràs hai beleza, pero tamén a praga de coellos, a calor, a suor, o esforzo, dor de costas, e tamén queda reflexada a dificultade de vivir dun traballo mal pagado. Igualmente podemos atopar a mirada nostálxica do rural do cineasta Ermanno Olmi de El árbol de los zuecos (1978). Como el, Carla Simón consegue transmitir a máxima autenticidade con actores non profesionais-Alcarràs está interpretada por xente dos arredores da localidade de Lleida que lle dán título. O lugar de onde tamén é orixinaria parte da familia da cineasta. Os nenos, sen dúbida, son os retratos máis logrados. Pero tamén a figura do avó, un home que, ao final da súa vida, asiste ao derrubamento da súa familia, e transmite cos seus silencios o drama que o rodea.

Hai protestas en contra da implantación dos paneis solares, e tamén pola baixada dos prezos dos pexegos que parecen virar o filme cara á mensaxe política. Pero esa posibilidade non toma forma do manifesto. Hai unha sensación de inevitabilidade e de frustración que impregna todo o filme, que é case imposible pensar que nalgún momento, calquera xesto poida encender unha verdadeira revolución.

A banda sonora é sempre ambiental e consegue fusionar o humano co seu entorno. Os momentos visualmente máis potentes, evocativos e inmersivos polo espectador, quizais teñan lugar na secuencia da festa popular. Os escintelos, os bailes, os berros e os corpos crean unha simbiose dionisíaca entre o son e a imaxe, e sempre a partir da realidade-unha pena da que parte o importante traballo naturalista da directora, que se perde na dobraxe en español. “O cine é a realidade que se expresa a través da realidade”, escribía Pier Paolo Pasolini. E Alcarràs de Carla Simón vai no camiño desas palabras do poeta-cineasta.

Te puede interesar