¡Buone visioni!

Alegremente explícita

Minx.
photo_camera Minx.

Moitos terán escoitado falar da revista Playboy, outros tantos da sua directa competencia Penthouse. Ao revés, seguro que poucos coñecen a historia das primeiras revistas eróticas para mulleres nacidas nos anos setenta. Aínda que non tiveron unha vida longa, publicacións como Viva, Playgirl ou Suck fixeron algo absolutamente novidoso. Demostraron por un momento que calquera outra persoa que non pertencía á categoría de “home branco heterosexual” podía gozar vendo imaxes sexuais e logo abandonarse á lectura dunhas reportaxes sobre política, moda e actualidade. Algo parecido a Interviú, pero impreso nos anos setenta e para as mulleres.

A serie Minx, recentemente estreada en HBO Max, inspíranse nesas publicacións e imaxina a situación dunha muller e do seu editor, á hora de publicar unha revista erótica cun toque feminista. A creadora Ellen Rapoport, tamén autora do guion, sitúa a acción no Val de San Fernando dos setenta, case o mesmo escenario visto recentemente en Licorice Pizza de Paul Thomas Anderson. Alí, Joyce (Ophelia Lovibond), unha feminista comprometida que pertence á clase alta, xúntase con Doug Renetti (Jake Johnson), un editor e publicista especializado nas revistas eróticas de éxito. Doug, ao entender que hai un nicho de mercado totalmente inexplorado para as mulleres, decide apoiar o proxecto de Joyce. Así, comezan a sortear os obstáculos que xorden á hora de levalo a cabo nunha sociedade dominada pola mirada heterosexual masculina. A revista Minx non existiu nunca na realidade. Pero si ten algo en común con Viva, creada no 1972 por Kathy Keeton e Bob Guccione. Nesta publicación, as páxinas de desnudos masculinos e os anuncios de consoladores eran acompañados por artigos serios e de actualidade, por exemplo sobre a condición laboral da muller ou a Guerra de Vietnam, e algúns tiñan a firma de Simone de Beauvoir, Anna Wintour ou Gore Vidal. A serie de HBO Max reconstrúe de forma coidadosa o espíritu desa fervenza editorial e a sociedade na que se desenvolveu. Unha etapa revolucionaria pola editora pero tamén polo feminismo que, nesos mesmos anos, viuse sumido nun debate sobre a defensa ou rexeitamento da pornografía.

Minx ten algo máis que ver coa comicidade de Hacks e coa rompedora Master of Sex, que co realismo de The Deuce ou a austeridade de Ms. América. Aínda que aquí tamén se cite a Gloria Steinem, esta nova serie de HBO Max vai por outro camiño.

Minx é moi colorida, desenfadada e alegremente explícita. Non abandona nunca o rexistro da comedia pero, á vez, consegue abrir reflexións moi profundas. Ten moitas capas de lectura. O espectador, ao igual que os protagonistas da serie, en cada capítulo estará obrigado a ir máis aló dos estereotipos e a romper prexuízos. Na medida na que a historia avanza ninguén permanecerá igual que ó principio. Este é un dos outros méritos de Minx. Non polariza o discurso do erotismo e do feminismo baixo unhas perspectivas previsibles e opostas. Estrea un debate orixinal. Ademais, rompe sen medias tintas co absurdo tabú do desnudo masculino en Hollywood. Xa no primeiro capitulo cítase a páxina central de Burt Reynolds e vense máis penes que nas dúas tempadas de Euphoria.

(RE)CORTEN

0 home e o can

A semana pasada comezou a rodaxe na provincia de Ourense de O home e o can, a nova longametraxe dirixida por Ángel de la Cruz. O filme está protagonizado por Manuel Manquiña e conta coa participación de Estíbaliz Veiga, Paula Chaves, Isabel Blanco, Gonzalo Uriarte e Vicente Montoto, entre outros. O filme, rodado en branco e negro, terá un certo aire neorrealista e tentará de dar visibilidade a algúns dos problemas da Galicia rural actual. Esta semana, o equipo da película está a gravar en varios puntos da cidade de Ourense: o cemiterio de San Francisco, a Estación de Autobuses, As Burgas, o Colexio Josefinas e a Ponte Romana, entre outras localizacións.

Te puede interesar